27.12.05

Feliz Ano

Estes días de Nadal son un pouco complicados para min e por iso teño isto un pouco abandonado. Espero volver con moita máis forza o próximo ano.
¡¡Feliz Aninovo 2006!!!

19.12.05

Hai amores...

Eu non fumo así que a historia que vai a continuación non é a miña. O que pasa é que de cando en vez algunha meiga boa e fermosa achegase a min e deixa as súas historias na pantalla.
Desexo que vos guste.

HAI AMORES ...

Agora que estamos tentados de volver cara á clandestinidade dos nosos primeiros encontros, decátome que un segundo non é un suspiro. É unha eternidade no limbo sen saborear o teu veleno.
Desta afastarémonos definitivamente, meu amor. Este 1 de xaneiro non será como tódolos que xa pasaron.
Desta vai...
E sei que no fondo será o mellor, levo anos escoitándoo de todo o mundo, mesmo cheguei a dicilo eu tamén case con convencemento.
Agora tamén o digo, cando outros xa lle puxeron caducidade a esta tolemia tola da que non me dou decidido a fuxir.
Roubaron nosa data, meu amor. Aquel ritual de cada primeiro de ano no que logo dunhas horas, mesmo dun mes ou seis de abstinencia, desesperaba por ter de novo lume na miña boca e corría ó teu carón para que naquel primeiro bico me inocularas un esvaído, mestura de morte e pracer, co que desculpar tanta escravitude.
Pero desta vai ir...
As historias decadentes e politicamente incorrectas xa non se aturan malia telas promovido dende que a muller é muller, e o home é home. Agora só nos quedaría o feble acougo duns bicos a correr detrás dun cristal. Ti máis eu expostos coma monstros de feira. Non quero que o noso remate así.
Hoxe todo o mundo ten que ser bo. Mesmo eu. E quero esquecerte, e respecta-lo meu corpo, e afastarme de ti, e chegar a aborrecerte tanto como te desexo.
Coido que desta vai...
Pero só de pensalo, meu tóxico amor, fai que che colla entre os dedos e che achegue ata os meus beizos mudados en chisqueiro para prenderte.
A xente comeza a mirarme mal. E teñen razón, esta dependencia noxenta non é doada de aturar, pero que me deixen envelenarme só durante uns días máis. A partires do 1 de xaneiro este corpo será todo deles. E meu.
Porque desta vai ir... por lei.

9.12.05

Onde estaba cando mataron a Lennon?

Onte na Voz fixeron unha reportaxe na que lle facían esta pregunta a varias personalidades. Non recordo por onde andaba eu cando mataron a Lennon , seguramente a estudiar. Tampouco é que me afectara moito e das opinións da reportaxe quedo coa de Julián Hernández. A morte que levou fixo que nacera un mito que de seguir vivo quizais non chegara a tanto.

8.12.05

Illas Cies

Incrible historia a dos visóns americanos que nadaron ata as Illas Cies e hoxe en día forman unha colonia de 24000 exemplares. Estes visóns son un depredador moi perigoso que acaba con moitas das aves que alí aniñan. O peor é que moitos destes animais foron liberados por “ecoloxistas” que por saír nos periódicos están a por en perigo o ecosistema de moitas zoas de Galicia.

1.12.05

Pases pro bus

Lémbranme que fai vintecinco anos que comecei os meus estudios no instituto. O grito de “Pases pro Bus” foi un grito de guerra que aínda hoxe
recordan moitos vigueses. As asembleas de estudiantes e as grilleras” eran parte da paisaxe diaria daqueles anos. Mais dun pai/nai de familia estaba eses días tirando pedras aos buses.

29.11.05

Inxustiza


Moi boa a viñeta de Davila no Faro. Pode parecer esaxerado pero somos así.

26.11.05

Movida, movida

Duelo de Titáns nas letras españolas. Sabendo a afección que ten Pérez-Reverte polo Século de Ouro, esperemos que o duelo sexa do estilo de Gongora e Quevedo e non do de Salsa Rosa. Aínda que JPR xa botou man da súa espada.

Poetas

Onte comezou o “Taller de Poesía Caixanova”, ao que teño a sorte de asistir. O obradoiro é impartido por Fran Castro o que é unha garantía de calidade. Xa estiven no anterior obradoiro de narrativa así que sei ben que este vai ser divertido e moi aproveitable.
Do primeiro día o mellor consello é o de Jorge Luís Borges, da súa obra Arte Poética:
“La verdad es que no tengo ninguna revelación que ofrecer. He pasado la vida leyendo, analizando, escribiendo (o intentandolo) y disfrutando. He descubierto que esto último es lo más importante.”

Así que xa sabedes...¡ a gozar!

25.11.05

Maldito día

O día de hoxe non debería de existir. E a maneira de que non exista é a educación dos nosos fillos. Temos que ensinarlles palabras como respecto, dignidade, amor...E o máis importante, temos que darlles exemplo. Que esas palabras sexan feitos na súa casa e que descoñezan o significado de maltrato, vergoña, medo...

24.11.05

Un galego na Lúa

Hoxe descubrín un novo blog en galego. Chámase Fíos Invisibles e non tería nada éstrano si non fose que ven da Arxentina. Cada día sorpréndeme máis isto dos blogs. Podes compartir opinións cun galego na Arxentina, nos USA, en Suecia, etc..
Cando haxa vida na Lúa seguro que haberá un galego que faga un blog.

23.11.05

As veces

As veces gustaríame non facer preguntas, non buscar respostas. Non remexer no meu interior na procura de palabras. Gustaríame, coma ti, ser feliz cun raio de sol.

22.11.05

Recordos

Debe ser que me estou a achegar a unha idade máxica que os recordos da miña primeira infancia visítanme de forma asidua.
Esa época da miña vida está marcada polos trens xa que eu vivía na Rúa Canadelo Baixo, moi preto da estación. Recordo, por exemplo, a vía vella ou vía morta que discorría por onde hoxe pasa a autopista. Tamén o campo da Barxa, onde estaba a fabrica de cervexas Skol e onde hoxe están as Torres Xemelgas de Vigo.
Pero sobre todo recordo unha foca de mármore, que había nunha peixería (ou carnicería) da Rúa García Barbón, pola que eu me deslizaba como se fose un tobogán . Por favor, hai alguén que recorde esa foca?

18.11.05

Cousas de vellos

Fraga que “Zapatero erra ao non respectar o pacto para o esquecemento”.
El e outros si que son quen de esquecer e esquecen tanto que agora din que Franco fixo posible a democracia e que non foi un dictador fascista senón que “era autoritario”.

17.11.05

Barrio

Eu crecín nun barrio perigoso. Ou eso pensaba moita xente. O certo que para min foi un bo barrio e unha boa infancia. So tiñas que “baixar á rúa” para atopar un puñado de amigos cos que xogar.Logo crecemos e a droga podreceu as rúas e o sangue de moitos rapaces.
Hoxe non vivo nun barrio como aquel. As veces teño magoa de que os meus fillos non saiban o que é ter unha rúa chea de nenos para xogar.
Non todo cambiou. A droga segue ai. Non é tan escandalosa como a dos ´80 pero agora a podes atopar moito máis fácil e a idades máis novas.

14.11.05

Tolerias

Onte vin na tele unha “noticia” curiosa. Falaba dunha tenda na que podías mercar camisetas de Fernando Alonso, de Schumacher, colares que eran a última moda en París, perruquerías onde podías cortar, tinxir e moitas cousas máis.
Que ten de curioso a noticia? Que a tenda e todo o que alí había estaba dedicado... aos cans¡¡
Están tolos estes romanos.

9.11.05

Arde Paris

Esto é vandalismo ou unha nova revolución? Buscan algunha cousa debaixo das pedras? Ou tan só queren as pedras?

A Volvo en Vigo



Vigo prepárase para a Volvo Ocean Race. A Corina está en todo

7.11.05

BLOGS

Moito se esta a falar dos blogs estes días. Sen entrar en discusións literarias eu me quedo coas palabras de María Yañez: o blog foi creado para dialogar e compartir. Recórdame a eses bares nos que se reunía a xente a falar e a escoitar. O que tiña algo que dicir o dicía e senón, escoitaba.

3.11.05

Calidade

Hai unha frase que sempre me gustou moito: “A calidade non é un destino senón un estilo de face-las cousas”. Tamén hai outra versión, mais romántica quizais, que é “A calidade non é un destino, é un camiño”.
Cando a lin foi nun contexto referido á venda: o trato co cliente e cousas así, pero penso que pódese referir, por exemplo, á literatura e mais en concreto á literatura galega.
Unha das cousas mais esperadas é A Grande Novela Galega e mesmo penso que agora hai alguén escribindo e pensando “Esta vai ser. A referencia da nosa cultura. O libro que nos vai facer espertar”.
O camiño da literatura galega fai tempo que esta feito de calidade, quizais o que falta é literatura que non teña tanta calidade, literatura desa que nas librarías ponse en grandes montóns.

29.10.05

Lectoras

Onte acompañei a miña filla á Casa do Libro xa que a escritora
Laura Gallego acercouse por alí para asinar os libros dos seu lectores. A verdade é que había moita xente, non era o mesmo que si fora Bisbal pero penso que pasou mais dunha hora asinando libros.
Sorprendeume que mais do 90% dos que había alí eran rapazas, logo pensei no meu fillo que estaba nun entrenamento.
Vendo o que alí había, si a literatura ten futuro seguro que vai ser feminino.

26.10.05

Viaxes

Supoño que todo o mundo ten algunha viaxe soñada, esa que aínda non realizamos e que quizais non realicemos xamais.
A miña viaxe soñada non é nada exótico. Gustaríame recorrer os USA por esas autopistas interminables que teñen, e a poder ser nun cadillac (que queredes, é o que ten crecer pegado ao televisor).
De momento me conformo con que algún amigo me dea ideas para cando poida ir.
Cal e a vosa viaxe soñada?

22.10.05

Libros Vellos

Na miña pequena e humilde biblioteca teño tres “xoias” das que me sinto orgulloso.
Un é o Tratado de Cirugia General y Especial del Doctor Hermann Tillmans traducido polo doutor Emilio Mira e editado por Francisco Seix- Editor de Barcelona en 1922 (la 12ª edición), a primeira edición é de 1887.

O segundo é La Alegría de Vivir de Orison Swett Marden (que foi unha especie de Paulo Cohelo) traducido por Federico Climent Terrer y editado por Librería Parera de Barcelona en 1920.

O meu predilecto é un que esta de moda este ano: Combate de Trafalgar, Vindicación de la Armada Española de Manuel Marliani, ex-Senador del Reino. Impreso por la Imprenta y Librería de Matute, Calle de Carretas, 8 Madrid en 1850 (155 anos¡¡)
Non é que sexan unhas xoias literarias mais forman parte dos libros da miña vida. Son recordos da miña infancia que cando case que non sabía ler collía e admiraba pola súa idade.
O de Trafalgar é un libro deses de tapas duras e artesanal, xa esta un pouco vello e agradecería que me recomendarades alguén que o poida renovar un pouco.
Por certo, que libros vellos tendes vos?

17.10.05

Ser pais

Miña filla pediume permiso o outro día para saír de paseo coas súas amigas. Ten doce anos e foi a primeira vez que saíu soa. A verdade é que tan só foron dar unha volta pola Praza E as catro da tarde e ata as seis.
Moitas veces pregúntome si son un bo pai. Supoño que é unha preocupación que teñen tódolos pais e que nos responderan nosos fillos algún día, pero non moi pronto. A resposta terá que ser cando os nosos fillos tamén sexan pais e saiban da dificultade de educar a eses tolos (xa non tan baixiños) que todo o queren. Eu penso que a educación dun fillo é como todo na vida: cuestión de equilibrio. Tes que facer malabares co que lles das, co que non lles das, tempo de estudio, tempo de lecer, etc. Agora as cousas son moito mais difíciles co todo o que lle ofrece o consumismo. Tan só hai unha cousa coa que non tes que ter medidas e podes abusar: o AMOR, e así en maiúsculas. Non o cariño, non a tenrura. O amor, ese que todo perdoa, que pide perdón, que fai rir ....e chorar.
Tedes que perdoar por este momento tan sensible pero o outro día vin na tv un programa sobre cirurxía plástica. Estaba rodado en Colombia e falaba de rapazas que se operaban. Saía unha rapaza que se puxera peito e tiña ¡14 anos! Loxicamente quen menos culpa ten é a nena. Os culpables son o sistema medico que permite esas cousas e sobre todo os pais que non son quen de explicarlle a súa filla, non só o proceso de crecemento do seu corpo aínda non rematado senón que ten que aprender a mirarse ao espello sen vergoña.
Eses son bos pais? Seguramente a súa filla díxolles: “Sodes os mellores pais do mundo” Pero, o son?
Eu teño traballo para que a miña filla non me pida unhas tetas novas dentro de dous nadais e si o fai espero que me diga: “Es o peor pai do mundo”

11.10.05

Lecturas Dereitas

Este Sábado pasado saíu na Voz unha entrevista a Carlos Fernández a raíz do libro que escribiu sobre o innomeable. Confeso que non lin o libro, que penso que é outro máis sobre o mesmo aínda que este parece máis neutral ca outros.
O que me preocupou da entrevista foi a parte onde Carlos Fernández di: “...la derecha, que suele comprar más libros que la izquierda...” Non sei si é certo ou é unha apreciación persoal e agradecería que si alguén ten datos fiables os comparta con todos nos.
O que si é certo é que ultimamente andan polas listas de vendas personaxes que venden libros a esgalla é que cando firman exemplares da “súa” obra parecen estrelas da música. E si que son de dereitas.
Que pasa? Os da esquerda non teñen autores que arrastren á xente ás librarías?

3.10.05

Anexo

Teño que pór un anexo ao comentario de hoxe. No sei se me expliquei moi ben por iso atrévome a coller a axuda de Xavier Alcalá.

¿Porque escribes en gallego?

Antes de nada teño que dicir que eu adoito a falar castelán a cotío. Non penso que sexa bo nin malo, tan só é o que hai. Tamén é verdade que a maior parte do meu entorno fala castelán e por iso xa escoitei un par de veces a pregunta que hoxe titula este texto.
A verdade é que eu faría dúas preguntas: 1ª ¿Porque escribes? 2ª ¿Porque en galego? Aínda que as respostas poderían ser moi complexas penso que as mais fáciles son: 1ª Porque leo. 2ª Porque leo en galego.
Eu non son escritor e fai pouco que xunto letras por afección e non me importa escribir en castelán,pero escribir en galego prodúceme unha gran satisfacción e ademais permíteme practicar o meu galego, que vai un pouco mal.
Pero a razón mais importante é esta: eu son galego. Considérome galego antes que outra cousa. E non é que non queira ser español. Encántame a idea de ter como paisanos a vascos, cataláns, andaluces,etc. Pero penso que pertenzo a unha terra e un pobo diferente a outros (nin mellor, nin peor). Penso tamén que todos nós temos a obriga de coidar da nosa terra e da nosa cultura. Iso inclúe coidar da nosa lingua, sen desprezar ao castelán que tamén é parte de nos.
Outra cousa. Tamén escribo en galego porque quero ver se público algún libro e empezo a vivir das subvencións que teñen os escritores galegos, que coñezo a algún e só lles interesa o galego para gañar cartos. Senón preguntarlle ao “Señor” Juan Jóse R. Calaza

30.9.05

Tarefas escolares

Xa comezou a escola e o meu fillo pregúntame o significado dunha fermosa frase de Albert Einstein: “Non hai cousas sen interese, tan só persoas incapaces de se interesar.O que non posúe o don de se marabillar ou entusiasmar, ben podería estar morto, porque os seu ollos están pechados”
Que lle podo dicir? Que esta é (ou debería ser) unha das frases imprescindibles da humanidade?
Que lle digo? Axudádeme.

Contacontos

Onte foi a terceira clase do Taller de Narración Oral en Alecrín. A verdade é que empezo a darme de conta de que isto non é ler un conto e xa esta. Ten a súa preparación e o seu aquel que fai mais interesante a cousa. Agradecería que me derades algunha idea sobre algún conto que vos guste moito ( non só contos infantís)

28.9.05

Os soños

Falaba o outro día dun rapaz que alcanzou un sono que levaba perseguindo toda a súa vida. A verdade é que ten moita sorte, non só por conseguilo, tamén por telo tan claro dende moi pequeno.
A maioría de nos anda pola infancia e a adolescencia a mirar para ás nubes e de súpeto nos preguntan: E ti que vas facer?.. Facer? Eu? De que?...Pois da túa vida.
E aí estas, estudiando unha carreira ou traballando sen saber ben o que fas.
Alguén dixo que a outros nos dan os coarenta cando vemos o camiño a seguir. E é verdade, os soños non coñecen idades e un día, por casualidade, atopas o que buscabas, o que te fai feliz. Pero, quen é capaz de loitar? Quen lle da unha volta a súa vida e comeza de novo?
Hai unha película, “A morte os senta tan ben”, que fala da rivalidade entre dúas mulleres (a película non é ningunha marabilla), e hai un home que esta entre as dúas. O home é un cirurxián famoso que dáse á bebida e elas o tratan a patadas. A peli trata da vida eterna que elas conseguen e o final o home fuxe delas e comeza unha nova vida nun pobo pequeno, faise un gran montañeiro, ten unha gran familia...
Sempre me gustou a idea de que temos a oportunidade de alcanzar os nosos soños. Tan só temos que levantar un pe e comezar a andar.

26.9.05

Alonsomanía

Quero achegarme ao principal tema que abrira os noticiarios de hoxe en España: a “alonsomania”.
Primeiro felicitar a Fernando polo campionato do mundo e segundo felicitar a un rapaz novo e a súa familia por ter feito realidade un soño que levan perseguindo moitos anos e que, como a maioría dos soños, debeu custar moitos sacrificios.
Dicía onte Fernando que tiña que darlle as gracias a catro persoas e dicía, tamén, o seu “pai deportivo” José Luís Echevarría que moitos dos que se achegan para saír na foto non os atoparon cando necesitaban axudas.

Eu pregúntome cantos “Fernandos” temos no noso país. Non só no deporte senón tamén na cultura, na ciencia, etc. Rapaces que teñen capacidade pero que non teñen recursos ou mesmo que a súa familia non fai caso dos seus desexos.
O primeiro non ten discusión, aquí si queres facer algo non podes contar con axudas administrativas ou empresariais. A pasada semana a prensa daba a noticia de que a comunidade de Madrid ofrecía becas a estudiantes galegos con boas notas, e iso pareceume moi grave.
En canto á familia non falo das que non teñen recursos, falo das que os teñen pero que fan que os seus fillos elixan o “mellor” camiño. Cantos avogados, mestres ou médicos haberá que puideron ser grandes actores, deportistas,,, ou mesmo fontaneiros ou ebanistas.

23.9.05

Risas

Por fin, alguén me reclama. Pensei que ninguén se acercaba por estes camiños. Prometo ser mais disciplinado e escribir a diario, aínda que sexan cousas como esta:

Travesuras de rapaces espidos na lama seca.
Risas de fame con dentes preguiceiros.
Sempre hai tempo para as risas.
O sol é unha visita longa e pesada no sofá da nosa casa.
A chuvia unha descoñecida, un conto de vellos.
A terra chora bágoas sen auga, sen sal.
Unha boca baleira berra sen forzas.
Oídos xordos tápanse para non escoitar,
Ollos cegos tápanse para non ver.
O ceo segue sen nubes.
Un neno chora e outro ri,
Sempre hai tempo para as risas.

19.9.05

XIV Festa Veciñal

A pasada fin de semana celebrouse no Parque Quiñones de León, en Castrelos a XIV Festa veciñal organizada pola Federación de Asociacións Veciñais “Eduardo Chao” e as asociacións veciñais de Vigo. Hai que agradecer á Federación e ás asociacións a festa que fixeron, así como os chourizos e a “chocolatada” cos que nos agasallaron. Tamén hai que agradecer aos veciños e veciñas destas asociacións o traballo que fan, quitando tempo do seu lecer e da súa vida familiar, non só para facer festas senón tamén para facer que a vida nos distintos barrios e parroquias de Vigo sexa mellor e mais digna.

16.9.05

Eu fun bailarín de Break-Dance

Náufrago ten unha proposta e esta é a miña resposta:
Eu fun bailarín de Break-dance. Xúroo. Xa fai vintedous anos, eu era un rapaz novo e non sei a razón pero naquela época houbo moita afección por este baile. Saltabamos (literalmente) á pista de baile e comezabamos a dar brincos. A veces quedabamos no barrio ou na pista de patinaxe do Castro, alí puñamos un cartón no chan e practicabamos. Daquela o Hip-Hop era case que descoñecido en Vigo, tanto que nos diciamos que bailabamos Brick (ladrillo)-Dance.
Era feliz e saía a rúa convencido de que as mulleres ollaban para mi con ollos lascivos. Era o mais alto e o mais guapo. O Travolta era un mixiricas e eu era o amo da discoteca. As rapazas derretíanse cada vez que ollaban para min entre as luces de neon.
A cousa non foi mal, a verdade é que si coñecín algunha moza gracias ao baile, claro que non sei cantas deixei de coñecer pola mesma razón. Unha vez incluso cobramos por bailar.
Despois a vida laboral e o deber coa patria apartounos do baile. Xa fai moito tempo e agora penso que, seguramente, eu nunca fun bailarín de Break-Dance.

15.9.05

Hoxe estiven no taller de “Iniciación ás técnicas de narración oral” impartido por Lilia Avello en Alecrín. Penso que algúns xa o coñecedes.
A verdade é que o primeiro día estivo ben, aínda que foi para romper o xeo.
Irei informando de como me vai no taller e espero contarvos algún conto pronto.

14.9.05

¿TI TAMÉN, BRUTO?

Non, non pensedes que vou falar do Imperio Roman ou de teatro clásico. O título ven a conto de que tamén eu estea a escribir nun blog, que como saberedes escríbense miles a diario.
Este sitio ou lugar, ou como queirades chamalo, non ten unhas pretensións moi elevadas. O meu desexo é facer de el un punto de encontro para falar cos amig@s das nosas cousas. Por suposto, calquera que pase por aquí será considerado amig@, sempre que cumpra cun mínimo de respecto para os demais.
O de vaguidades non ten nada que ver coa vagancia, senón coa outra acepción do termo: impreciso, indeterminado, porque así debe de ser este diario, non hai regras fixas, nin temas fixos. Podedes falar do que queirades.
A dirección do blog mesturar.blogspot.com, ten que ver con que é moi difícil poñer un nome a un blog.¡Están todos collidos!. De tódolos xeitos gústame o de mesturar porque de iso se trata, de mesturar as nosas opinións e os nosos pensamentos.