31.8.06

Unha medalliña, por favor


Os galegos somos uns desagradecidos. Todos. Dende o Presidente da Xunta ata eu. Non pode ser que teñamos esquecido todo o que fixo polo noso País esa Ghrande de España que é a Duquesa de Alba. A ela rompéuselle a alma cando se desfixo das súas terras, o seu “feudo” como di o Conde de Salvaterra, ese que segundo o alcalde aínda non o invitaron porque esperan a ter un lugar “apropiado” para alguén do seu cache. As posesións da Duquesa en Galicia eran a súa “xoia da coroa”, as máis prezadas, pero ela preferiu que o pobo galego fixera uso delas. Eu reto a tódolos historiadores galegos a que dunha vez lle dean a esta muller o recoñecemento que se merece e mostren ao populacho o que fixo por Galicia, que se saiba (pero xa!) as grandes xestas coas que merecidamente gañou eses “terrenitos” e que fixeron que o seu fillo leve o nome de Salvaterra e de Galicia por todo o mundo. Ata que se faga xustiza non poderei descansar sin quitar da cabeza esa doce voz: “Sois unos desagradecidos”

8.8.06

Nunca Máis


Si puidera calmar a calor co meu pranto, choraría ríos e mares. Si as miñas bágoas puideran aliviar a dor da túa pel queimada, choraría ata que o meu corpo seco descansara sobre ti. Si puidera recoller coas miñas mans a cinza das arbores mortas, afogaría con ela a man noxenta que asestou esta puñalada asasina. Si puidera gritar e que me escoitaran en cada lugar desta Terra recollería o berro dos homes e mulleres que loitaron contra o veleno negro que podreceu as nosas costas e levaría por riba das lapas e o fume ese berro desesperado. NUNCA MÁIS.