18.10.06

Milagres





Hai xente que non cre nos milagres ou nos anxos, e hai outros que pensan que milagre é cando aparece un anxo voando e trae unha bandexa de ouro na que ven un boleto da primitiva premiado e soluciona todos os seus problemas.
Eu creo nos milagres, e nos anxos, non son moi frecuentes pero teño visto algún, deses que chamariamos “cotiáns”
Seguro que coñecedes a historia de Genet Corcuera, pois iso para min é un milagre dos grandes porque imaxinade unha rapaza que nace sen recibir estímulos visuais ou auditivos de ningunha clase e pode, non só, aprender a comunicarse senón ir á universidade. Pero o milagre non é que vaia á universidade, o milagre é que Genet pode “ver, escoitar e falar”. Genet non é a primeira nin será a última.
Genet debería estar na universidade, e tamén nos libros, pero para servir de exemplo a todos aqueles que nalgún momento dicimos: non podo, non son capaz, esta vida é moi dura,...
A min a imaxe de Genet regálame vida, a mesma vida que me regalan moitas persoas que coñezo, que fan milagres, ou persoas que non coñezo e tamén fan milagres.
Os milagres existen.

16.10.06

O Celta



Todo o mundo é libre de ter unha opinión e de expresala, e nestes tempos e con isto dos blogs ata podes facer que a lean en calquera parte do mundo, iso si, tamén poden criticarte con facilidade. Outra cousa é que te deixen escribir nun diario, entón tes que ter coidado coas túas opinións e o mínimo que podes facer é escribir cousas que teñan unha certa base.
O Domingo pasado na Voz lin un artigo de Cristina Losada, que non sei si será esta mesma (explicaría moito as cousas).
O artigo leva o título de El Celta e na primeira parte a señora Losada fai lembranza da última vez que acudiu a Balaidos (“hace un porrón de tiempo”). O recordo que deixou esta visita na pequena Cristina non foi moi bo e por iso compréndese que non volvera ao campo do Celta, nin a ningún outro supoño.
A segunda parte non ten desperdicio. A señora Losada di que ao Celta se lle está a embarcar nunha aventura que leva todos os signos de instrumentalización política. Ben. É unha opinión. Mais o certo é que o Celta, nesta aventura, desembarcou aos elementos máis politizados que tiña, a saber: o anterior presidente Horacio Gomez e o anterior Director Xeral Alfredo rodriguez . Ao actual presidente o único que lle teño escoitado do tema é que non quería que o Celta se mesturase coa política.
A señora di que se escoita que o Celta vai “facer país”, e coa pregunta que se fai a continuación dedúcese que non lle gusta iso de facer país..., ou non lle gusta o país directamente (por certo, non di que país). A verdade é que un equipo de fútbol que leva as cores de Galicia e a Cruz de Santiago na súa equipaxe está a facer país (galego) dende o primeiro momento no que salta ao campo.
Di, a señora, que (ao Celta) se lle está “normalizando lingüisticamente”. Iso está ben, hai que falar con propiedade que no mundo do fútbol fálase moi mal. Pero moito témome que a señora está a falar de normalizaciónlingüisticagalega, así que o primeiro que fago é ir a páxina do Celta e ver si é certo. Non, non é certo. Está en castelán. Normalizado, pero castelán. Ou sexa, que á señora moléstalle que falen galego o adestrador Fernando Vázquez e o novo Director Xeral Xavier Mártinez Cobas que son os dous que o falan de forma “oficial” no club, porque teño que dicirlle a Cristina que o que falan Baiano, Iriney, Lucas,Nené é portugués e non galego.
Entón, resumindo:
-O Celta non está politizado. Antes si o estaba pero supoño que era da política coa que simpatiza Cristina Losada.
-O Celta “fai país” pero o país que fai non lle gusta a Cristina Losada.
-A Cristina Losada non lle gusta que dúas persoas do Celta falen galego. Non lle gusta que dúas persoas falen galego.
En conclusión e segundo Cristina Losada:
O Celta perde “aquel inofensivo localismo". Debe ser aquel de "que ben soa a Rianxeira, magoa non sexa en castelán. Olitas vienen y van."
Si o Celta é como o Barcelona xa non será o Celta de Cristina Losada, que recordemos non vai a Balaidos “ desde hace un porrón de tiempo”pero por el que sinte afecto, ou sexa xa non se vai a alegrar si gaña o Celta.
O fútbol é así.