29.3.06

A reconquista



Pensaba o outro día despois de ler a Ferrín no Faro que a historia pode ser manipulada para que o pobo se sinta orgulloso de feitos que deberían facernos chorar. A historia da conquista de América é a historia dun xenocidio que fixo desaparecer culturas enteiras, sen embargo países como España ou EEUU móstrannos aquelo como a salvación duns pobos salvaxes.
Sempre fun afeccionado á festa da reconquista, xa sabedes, o pobo de Vigo foi o primeiro en expulsar ao invasor francés, o pobo de Vigo os ten ben postos. Eso é mellor que pensar que aqueles homes e mulleres loitaron enganados polo clero e polos nobres e que si perderamos aquela reconquista hoxe viviriamos mellor.
Estaba a pensar en que a historia pode ser manipulada cando hoxe leo o Faro e logo a Voz e algo non encaixaba. Algún deles estaba a manipular a historia, ou polo menos a ocultala.

24.3.06

O que aconteceu en Marzo


Hoxe as 18,30 no Centro cívico de Teis terá lugar a presentación da publicación do libro “O que aconteceu en Marzo” de Modesta Regueira Núñez. Alí estaremos para acompañar a Modesta neste primeiro fillo literario. Noraboa.

21.3.06

Día da Poesía

Hoxe celebrase o Día Mundial da Poesía e en Padrón lle fan unha homenaxe ao soneto. O soneto paréceme a forma poética máis fermosa, a que pode chegar a dicir máis en tan pouco espacio. Confeso que cheguei a ter obsesión cos sonetos e mesmo escribín algún que pode que estea ben escrito. De tódolos xeitos a mellor forma de facer unha homenaxe a este Día é facer o que fixo folerpa e deixar un poema. Aí vai o meu:

SONETO



Desgarra a miña alma, vendaval
que a árbore do seu solo derroca,
o desprezo que sae da túa boca
e négame de xeito criminal.

Asemella o edén, tan irreal,
a cruel sensación de amor que toca,
melodiosa coma o mar na roca,
o meu sentido, cándido e brutal.

Quixote que provoca aos muíños,
barco que en augas en calma naufraga.
é o meu destino desapiadado.

Máis non abandonarei os meus camiños.
Que anque o meu corazón por senda vaga,
con ver o teu rostro xa estou pagado

16.3.06

Licor de abelá con xeo

Gustoume o libro de Veloso, “Licor de abelá con xeo”. Gustoume moito. Non vou facer unha análise do libro porque para iso “doutores ten a igrexa” pero teño que dicir que gustoume a maneira de ir de personaxe en personaxe sen perder o fío de cada historia, gustoume a critica que fai de certas parcelas da vida literaria, gustoume...ben xa paro, tan só dicir que non vos perdades esta marabillosa historia.

14.3.06

relato

Sentiu o canón na súa sen. Pensou no tópico do frío aceiro, que se desfacía naquel intre; o aceiro do canón atopábase quente. Antes de atreverse a acercalo a súa cabeza tivéralo nas mans, afacéndose a el, perdéndolle o medo e ...colléndolle cariño? Non levou a conta do tempo que pasou coa pistola na man pero foi dabondo para pensar moito e moitas parvadas. O tópico no que si que pensou foi no do símbolo fálico do canon; atopábase soa pero non puido evitar ruborizarse. A súa idade aínda non tivera tempo de coñecer en profundidade o corpo dun home, e xa non falamos do... os colores volveron de novo a súa faciana. Non quería pensar niso, quizais o feito de non ter coñecido a un bo rapaz fora un dos motivos de atoparse alí.
As bágoas comezaron a humedecer a súa face. Non eran unhas descoñecidas, por desgracia eran unha visita moi frecuente na súa vida aínda que as veces acollíaas coa desesperación de quen ten que estoupar por algures para libera-la súa desesperanza.
Volveu aparta-la pistola. Colocouna diante dela co canón diante dos ollos. Perdeuse na negrura sen piedade da boca sen fondo. Creu ve-lo brillo do aceiro da bala. Xa a tivera na man, xa coñecía tamén o tacto do pequeno e fatal instrumento. Preguntouse como algo tan pequeno tiña a capacidade de producir algo tan inevitable.
-“E si non funciona?”
Dixo en voz alta.Asustouse ao escoita-la súa voz. Ergueu a cabeza e mirou arredor seu. Porque o diría en voz alta? Estaría a volverse tola, sen dubida. De tolos é face-lo que tiña pensado facer, o que a levara a aquel lugar. Volveu pensar no funcionamento do arma.
O seu pai era cazador e xuntábase con moita xente afeccionada as armas. Un vello policía venderalle a pistola para poder pagar unhas débedas de xogo. O seu pai acostumaba a levala cando saía de caza. “Para que non colla frío” dicía o paifoco. O feito de face-lo que ía facer, coa pistola do seu pai, era unha especie de vinganza. Ela prefería a idea de meterse na bañeira con auga quente e unha coitela, e deixar que a vida se lle fose polos dedos abaixo, mais gustáballe a idea de ver sufrir ao seu pai polo feito de que a “súa” nena se rebentase os miolos coa “súa” pistola e, aínda por riba, na “súa” habitación. Porque non o dixera pero aquela era a habitación do seu pai. Ben, era o soto e non unha habitación pero alí era onde seu pai pasaba o tempo que non estaba de caza.
Pero seu pai non era a razón de que se atopara alí naquel intre, coitadiño. Pero así aproveitaba e fodíao, por cabrón. Non, non era polo seu pai. Tampouco pola súa nai, a mullerquedabatodopolosseufillos que era como ela mesma gustáballe definirse. O que pasa que “todo” era mante-la casa limpa e a comida no prato. Non era pouco e ela, como boa filla que sempre foi, agradecíalle o traballo que facía na casa. Pero tiña que haber algo máis, unha nai tiña que ser algo MÁIS. Non, non quería que fose a súa amiga, quería unha...confidente, un ombro no que solta-las bágoas que poboaban a súa gorxa dende sempre, dende que era nena; unha vez perdeu a súa boneca, despois perdeu o can que lle regalaran polo Nadal (aínda que sospeitaba que o seu pai desfixérase del cando o can comezou a crecer) e despois foi perdendo amigas, noivos... por último perdera o respecto por ela mesma e pola vida. Xa non tiña nada que perder.
A escuridade do canón interrogáballe, andaba a meterlle presa pero, quen ten presa por morrer?
Decatouse de que era a primeira vez que pensaba na morte como tal. Ata agora tiña pensado nela dun xeito eufemístico: deixalo todo atrás, abandonar este mundo, mandalo todo á merda,...pero agora aparecía a palabra en toda a súa crueza: a MORTE.
“É raro” pensou “a verdade é que non me da arrepíos, nin sequera un pequeno calafrío.”
Asustouse da súa tranquilidade. Agora estaba segura de que faríao, chegaría ao final.
De súpeto soou o seu móbil, ela non puido evitar que o seu corazón lle saltara no peito. Colleuno. Era a súa amiga...ben, a verdade é que ela pensaba que non coñecera a amizade, senón a que ía a estar alí.
Era unha mensaxe: “st find qdo cn tbo NV” (esta fin de semana quedo cun tío bo)
Sempre fora unha estúpida e sempre andaba a facerlle as beiras a alguén, así tiña a fama que tiña.
O que pasa que aquel “tío bo” co que quedara o fin de semana era o rapaz máis guapo que vira xamais, e a súa “amiga” sabía dos seus sentimentos aínda que ela non llo contara a ninguén.
Aquel rapaz era o único que podía evitar que ela fixera o que ía...¡que carallo! ¡que se matara, que se suicidara, que espallara os seus miolos polas paredes de aquel soto de merda!...perdón...aquel rapaz, dicía, era o único que podía evitar aquilo. Tan só con que lle dixera:”Deixa todo, ímonos lonxe de aquí” mais sabía que iso non ía suceder. EL era outro merdeiro máis, un neno sen soños nin ilusións. Só pensaba nas motos e en flipar os fins de semana.
Xa estaba farta de todos, de todo. Descubrira que todos aqueles que zumbaban arredor dela tan só mandábanlle pensamentos negativos. Na súa vida non había ren positivo e ela ¡necesitábao! Pero non descubrira-la maneira de facer que as cousas boas se instalaran ao seu carón. As veces pensaba que ela era positiva. “Son boa rapaza” pensaba “intento portarme ben cos demais, intento face-lo ben”. E claro, os polos iguais repélense, e ela atraia aos polos negativos, todo o negativo. Pero pronto comprendeu que non era así, ela tamén era negativa, formaba parte dun todo negativo e xa logo que non podía atraer o positivo, desfaríase do negativo.
E alí estaban. Ela e a pistola. Ela e un burato negro sen fin, que a chamaba. Ela e nada. Ela e...todo. Acercou a pistola a súa sen e disparou.
Cando espertou aínda pitábanlle os oídos a causa do disparo. Sentiu o cheiro a pólvora no aire. Pero cheiraba a algo máis, cheiraba a...limpo.
Ergueuse. Xa non se atopaba no soto. Estaba na súa habitación. Foi ata o espello e respirou tranquila: non había nin rastro de sangue, a súa face estaba ben. Máis que ben. Atopouse máis guapa.
Sería un sono? Ou estaría morta? Non, sabía que non estaba morta. Sentíase moi viva. Acercouse á fiestra e na súa cara apareceu un sorriso cheo de esperanza.

10.3.06

Libros

Onte acudín á presentación do libro Sari, soñador de mares” do ESCRITOR Marcos S. Calveiro. Foi un pracer coñecer en carne e óso a Folerpa e na miña biblioteca brilla esta nova alfaia de papel.
Teño que dicir que xa lin o libro. Cometín a imprudencia de abrilo e ollar as primeiras follas e xa non fun quen de parar.
Cando collemos o libro embarcamos cara a eses nove mares que Simbad coñecía tanto, só que nestes mares non hai auga senón palabras, palabras que como suaves ondas que abanean a nosa dorna lévannos rumbo onde habitan os soños de Sari e os soños de Marcos.
Tamén merquei o libro de outro amigo blogueiro. Prometo que o lerei e que comentarei a miña opinión.

7.3.06

Festa da Arribada



O Domingo estiven na Festa da Arribada en Baiona. Era a primeira vez que acudía e gustoume sobre todo a forma que ten o pobo de celebrala, podíase ver a moita xente con vestidos da época. As rúas estaban cheas de postos de comida e de venda de productos artesáns. Repetirei para o ano.

1.3.06

Este blog

Non sei si o que ven hoxe na Voz traerá consigo un aluvión de visitas a este humilde lugar. Para aqueles que veñan por primeira vez pídolles perdón si quedan decepcionados. Eu non teño a xenialidade de ese tal folerpa (é o que pon no artículo) co que teño a honra de compartir páxina na Voz e tampouco son especialista en ningún tema. Este é un blog humilde que en principio tan só quería compartir as cousas que escribía e agora o que pretendo é ser agradecido con todos os blogs que leo a diario. Así que xa sabedes, sodes todos benvidos.