Sentiu o canón na súa sen. Pensou no tópico do frío aceiro, que se desfacía naquel intre; o aceiro do canón atopábase quente. Antes de atreverse a acercalo a súa cabeza tivéralo nas mans, afacéndose a el, perdéndolle o medo e ...colléndolle cariño? Non levou a conta do tempo que pasou coa pistola na man pero foi dabondo para pensar moito e moitas parvadas. O tópico no que si que pensou foi no do símbolo fálico do canon; atopábase soa pero non puido evitar ruborizarse. A súa idade aínda non tivera tempo de coñecer en profundidade o corpo dun home, e xa non falamos do... os colores volveron de novo a súa faciana. Non quería pensar niso, quizais o feito de non ter coñecido a un bo rapaz fora un dos motivos de atoparse alí.
As bágoas comezaron a humedecer a súa face. Non eran unhas descoñecidas, por desgracia eran unha visita moi frecuente na súa vida aínda que as veces acollíaas coa desesperación de quen ten que estoupar por algures para libera-la súa desesperanza.
Volveu aparta-la pistola. Colocouna diante dela co canón diante dos ollos. Perdeuse na negrura sen piedade da boca sen fondo. Creu ve-lo brillo do aceiro da bala. Xa a tivera na man, xa coñecía tamén o tacto do pequeno e fatal instrumento. Preguntouse como algo tan pequeno tiña a capacidade de producir algo tan inevitable.
-“E si non funciona?”
Dixo en voz alta.Asustouse ao escoita-la súa voz. Ergueu a cabeza e mirou arredor seu. Porque o diría en voz alta? Estaría a volverse tola, sen dubida. De tolos é face-lo que tiña pensado facer, o que a levara a aquel lugar. Volveu pensar no funcionamento do arma.
O seu pai era cazador e xuntábase con moita xente afeccionada as armas. Un vello policía venderalle a pistola para poder pagar unhas débedas de xogo. O seu pai acostumaba a levala cando saía de caza. “Para que non colla frío” dicía o paifoco. O feito de face-lo que ía facer, coa pistola do seu pai, era unha especie de vinganza. Ela prefería a idea de meterse na bañeira con auga quente e unha coitela, e deixar que a vida se lle fose polos dedos abaixo, mais gustáballe a idea de ver sufrir ao seu pai polo feito de que a “súa” nena se rebentase os miolos coa “súa” pistola e, aínda por riba, na “súa” habitación. Porque non o dixera pero aquela era a habitación do seu pai. Ben, era o soto e non unha habitación pero alí era onde seu pai pasaba o tempo que non estaba de caza.
Pero seu pai non era a razón de que se atopara alí naquel intre, coitadiño. Pero así aproveitaba e fodíao, por cabrón. Non, non era polo seu pai. Tampouco pola súa nai, a mullerquedabatodopolosseufillos que era como ela mesma gustáballe definirse. O que pasa que “todo” era mante-la casa limpa e a comida no prato. Non era pouco e ela, como boa filla que sempre foi, agradecíalle o traballo que facía na casa. Pero tiña que haber algo máis, unha nai tiña que ser algo MÁIS. Non, non quería que fose a súa amiga, quería unha...confidente, un ombro no que solta-las bágoas que poboaban a súa gorxa dende sempre, dende que era nena; unha vez perdeu a súa boneca, despois perdeu o can que lle regalaran polo Nadal (aínda que sospeitaba que o seu pai desfixérase del cando o can comezou a crecer) e despois foi perdendo amigas, noivos... por último perdera o respecto por ela mesma e pola vida. Xa non tiña nada que perder.
A escuridade do canón interrogáballe, andaba a meterlle presa pero, quen ten presa por morrer?
Decatouse de que era a primeira vez que pensaba na morte como tal. Ata agora tiña pensado nela dun xeito eufemístico: deixalo todo atrás, abandonar este mundo, mandalo todo á merda,...pero agora aparecía a palabra en toda a súa crueza: a MORTE.
“É raro” pensou “a verdade é que non me da arrepíos, nin sequera un pequeno calafrío.”
Asustouse da súa tranquilidade. Agora estaba segura de que faríao, chegaría ao final.
De súpeto soou o seu móbil, ela non puido evitar que o seu corazón lle saltara no peito. Colleuno. Era a súa amiga...ben, a verdade é que ela pensaba que non coñecera a amizade, senón a que ía a estar alí.
Era unha mensaxe: “st find qdo cn tbo NV” (esta fin de semana quedo cun tío bo)
Sempre fora unha estúpida e sempre andaba a facerlle as beiras a alguén, así tiña a fama que tiña.
O que pasa que aquel “tío bo” co que quedara o fin de semana era o rapaz máis guapo que vira xamais, e a súa “amiga” sabía dos seus sentimentos aínda que ela non llo contara a ninguén.
Aquel rapaz era o único que podía evitar que ela fixera o que ía...¡que carallo! ¡que se matara, que se suicidara, que espallara os seus miolos polas paredes de aquel soto de merda!...perdón...aquel rapaz, dicía, era o único que podía evitar aquilo. Tan só con que lle dixera:”Deixa todo, ímonos lonxe de aquí” mais sabía que iso non ía suceder. EL era outro merdeiro máis, un neno sen soños nin ilusións. Só pensaba nas motos e en flipar os fins de semana.
Xa estaba farta de todos, de todo. Descubrira que todos aqueles que zumbaban arredor dela tan só mandábanlle pensamentos negativos. Na súa vida non había ren positivo e ela ¡necesitábao! Pero non descubrira-la maneira de facer que as cousas boas se instalaran ao seu carón. As veces pensaba que ela era positiva. “Son boa rapaza” pensaba “intento portarme ben cos demais, intento face-lo ben”. E claro, os polos iguais repélense, e ela atraia aos polos negativos, todo o negativo. Pero pronto comprendeu que non era así, ela tamén era negativa, formaba parte dun todo negativo e xa logo que non podía atraer o positivo, desfaríase do negativo.
E alí estaban. Ela e a pistola. Ela e un burato negro sen fin, que a chamaba. Ela e nada. Ela e...todo. Acercou a pistola a súa sen e disparou.
Cando espertou aínda pitábanlle os oídos a causa do disparo. Sentiu o cheiro a pólvora no aire. Pero cheiraba a algo máis, cheiraba a...limpo.
Ergueuse. Xa non se atopaba no soto. Estaba na súa habitación. Foi ata o espello e respirou tranquila: non había nin rastro de sangue, a súa face estaba ben. Máis que ben. Atopouse máis guapa.
Sería un sono? Ou estaría morta? Non, sabía que non estaba morta. Sentíase moi viva. Acercouse á fiestra e na súa cara apareceu un sorriso cheo de esperanza.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
4 comentários:
Que ben luce aquí o teu relato, querido Máis alá,confírmasme que cada un ten que botar man da sua voz ,única, para que soe máis clara e máis alta de cada vez.
¡Non era sen tempo que iamos deixar saír o talento! Parabéns, escritor.
Moitas grazas aos dous polos comentarios.
Mui bo o relato, e teu ou e un plaxio, he, he ?.
Un saudo, escritor.
Enviar um comentário