29.11.05

Inxustiza


Moi boa a viñeta de Davila no Faro. Pode parecer esaxerado pero somos así.

26.11.05

Movida, movida

Duelo de Titáns nas letras españolas. Sabendo a afección que ten Pérez-Reverte polo Século de Ouro, esperemos que o duelo sexa do estilo de Gongora e Quevedo e non do de Salsa Rosa. Aínda que JPR xa botou man da súa espada.

Poetas

Onte comezou o “Taller de Poesía Caixanova”, ao que teño a sorte de asistir. O obradoiro é impartido por Fran Castro o que é unha garantía de calidade. Xa estiven no anterior obradoiro de narrativa así que sei ben que este vai ser divertido e moi aproveitable.
Do primeiro día o mellor consello é o de Jorge Luís Borges, da súa obra Arte Poética:
“La verdad es que no tengo ninguna revelación que ofrecer. He pasado la vida leyendo, analizando, escribiendo (o intentandolo) y disfrutando. He descubierto que esto último es lo más importante.”

Así que xa sabedes...¡ a gozar!

25.11.05

Maldito día

O día de hoxe non debería de existir. E a maneira de que non exista é a educación dos nosos fillos. Temos que ensinarlles palabras como respecto, dignidade, amor...E o máis importante, temos que darlles exemplo. Que esas palabras sexan feitos na súa casa e que descoñezan o significado de maltrato, vergoña, medo...

24.11.05

Un galego na Lúa

Hoxe descubrín un novo blog en galego. Chámase Fíos Invisibles e non tería nada éstrano si non fose que ven da Arxentina. Cada día sorpréndeme máis isto dos blogs. Podes compartir opinións cun galego na Arxentina, nos USA, en Suecia, etc..
Cando haxa vida na Lúa seguro que haberá un galego que faga un blog.

23.11.05

As veces

As veces gustaríame non facer preguntas, non buscar respostas. Non remexer no meu interior na procura de palabras. Gustaríame, coma ti, ser feliz cun raio de sol.

22.11.05

Recordos

Debe ser que me estou a achegar a unha idade máxica que os recordos da miña primeira infancia visítanme de forma asidua.
Esa época da miña vida está marcada polos trens xa que eu vivía na Rúa Canadelo Baixo, moi preto da estación. Recordo, por exemplo, a vía vella ou vía morta que discorría por onde hoxe pasa a autopista. Tamén o campo da Barxa, onde estaba a fabrica de cervexas Skol e onde hoxe están as Torres Xemelgas de Vigo.
Pero sobre todo recordo unha foca de mármore, que había nunha peixería (ou carnicería) da Rúa García Barbón, pola que eu me deslizaba como se fose un tobogán . Por favor, hai alguén que recorde esa foca?

18.11.05

Cousas de vellos

Fraga que “Zapatero erra ao non respectar o pacto para o esquecemento”.
El e outros si que son quen de esquecer e esquecen tanto que agora din que Franco fixo posible a democracia e que non foi un dictador fascista senón que “era autoritario”.

17.11.05

Barrio

Eu crecín nun barrio perigoso. Ou eso pensaba moita xente. O certo que para min foi un bo barrio e unha boa infancia. So tiñas que “baixar á rúa” para atopar un puñado de amigos cos que xogar.Logo crecemos e a droga podreceu as rúas e o sangue de moitos rapaces.
Hoxe non vivo nun barrio como aquel. As veces teño magoa de que os meus fillos non saiban o que é ter unha rúa chea de nenos para xogar.
Non todo cambiou. A droga segue ai. Non é tan escandalosa como a dos ´80 pero agora a podes atopar moito máis fácil e a idades máis novas.

14.11.05

Tolerias

Onte vin na tele unha “noticia” curiosa. Falaba dunha tenda na que podías mercar camisetas de Fernando Alonso, de Schumacher, colares que eran a última moda en París, perruquerías onde podías cortar, tinxir e moitas cousas máis.
Que ten de curioso a noticia? Que a tenda e todo o que alí había estaba dedicado... aos cans¡¡
Están tolos estes romanos.

9.11.05

Arde Paris

Esto é vandalismo ou unha nova revolución? Buscan algunha cousa debaixo das pedras? Ou tan só queren as pedras?

A Volvo en Vigo



Vigo prepárase para a Volvo Ocean Race. A Corina está en todo

7.11.05

BLOGS

Moito se esta a falar dos blogs estes días. Sen entrar en discusións literarias eu me quedo coas palabras de María Yañez: o blog foi creado para dialogar e compartir. Recórdame a eses bares nos que se reunía a xente a falar e a escoitar. O que tiña algo que dicir o dicía e senón, escoitaba.

3.11.05

Calidade

Hai unha frase que sempre me gustou moito: “A calidade non é un destino senón un estilo de face-las cousas”. Tamén hai outra versión, mais romántica quizais, que é “A calidade non é un destino, é un camiño”.
Cando a lin foi nun contexto referido á venda: o trato co cliente e cousas así, pero penso que pódese referir, por exemplo, á literatura e mais en concreto á literatura galega.
Unha das cousas mais esperadas é A Grande Novela Galega e mesmo penso que agora hai alguén escribindo e pensando “Esta vai ser. A referencia da nosa cultura. O libro que nos vai facer espertar”.
O camiño da literatura galega fai tempo que esta feito de calidade, quizais o que falta é literatura que non teña tanta calidade, literatura desa que nas librarías ponse en grandes montóns.