30.9.05

Tarefas escolares

Xa comezou a escola e o meu fillo pregúntame o significado dunha fermosa frase de Albert Einstein: “Non hai cousas sen interese, tan só persoas incapaces de se interesar.O que non posúe o don de se marabillar ou entusiasmar, ben podería estar morto, porque os seu ollos están pechados”
Que lle podo dicir? Que esta é (ou debería ser) unha das frases imprescindibles da humanidade?
Que lle digo? Axudádeme.

Contacontos

Onte foi a terceira clase do Taller de Narración Oral en Alecrín. A verdade é que empezo a darme de conta de que isto non é ler un conto e xa esta. Ten a súa preparación e o seu aquel que fai mais interesante a cousa. Agradecería que me derades algunha idea sobre algún conto que vos guste moito ( non só contos infantís)

28.9.05

Os soños

Falaba o outro día dun rapaz que alcanzou un sono que levaba perseguindo toda a súa vida. A verdade é que ten moita sorte, non só por conseguilo, tamén por telo tan claro dende moi pequeno.
A maioría de nos anda pola infancia e a adolescencia a mirar para ás nubes e de súpeto nos preguntan: E ti que vas facer?.. Facer? Eu? De que?...Pois da túa vida.
E aí estas, estudiando unha carreira ou traballando sen saber ben o que fas.
Alguén dixo que a outros nos dan os coarenta cando vemos o camiño a seguir. E é verdade, os soños non coñecen idades e un día, por casualidade, atopas o que buscabas, o que te fai feliz. Pero, quen é capaz de loitar? Quen lle da unha volta a súa vida e comeza de novo?
Hai unha película, “A morte os senta tan ben”, que fala da rivalidade entre dúas mulleres (a película non é ningunha marabilla), e hai un home que esta entre as dúas. O home é un cirurxián famoso que dáse á bebida e elas o tratan a patadas. A peli trata da vida eterna que elas conseguen e o final o home fuxe delas e comeza unha nova vida nun pobo pequeno, faise un gran montañeiro, ten unha gran familia...
Sempre me gustou a idea de que temos a oportunidade de alcanzar os nosos soños. Tan só temos que levantar un pe e comezar a andar.

26.9.05

Alonsomanía

Quero achegarme ao principal tema que abrira os noticiarios de hoxe en España: a “alonsomania”.
Primeiro felicitar a Fernando polo campionato do mundo e segundo felicitar a un rapaz novo e a súa familia por ter feito realidade un soño que levan perseguindo moitos anos e que, como a maioría dos soños, debeu custar moitos sacrificios.
Dicía onte Fernando que tiña que darlle as gracias a catro persoas e dicía, tamén, o seu “pai deportivo” José Luís Echevarría que moitos dos que se achegan para saír na foto non os atoparon cando necesitaban axudas.

Eu pregúntome cantos “Fernandos” temos no noso país. Non só no deporte senón tamén na cultura, na ciencia, etc. Rapaces que teñen capacidade pero que non teñen recursos ou mesmo que a súa familia non fai caso dos seus desexos.
O primeiro non ten discusión, aquí si queres facer algo non podes contar con axudas administrativas ou empresariais. A pasada semana a prensa daba a noticia de que a comunidade de Madrid ofrecía becas a estudiantes galegos con boas notas, e iso pareceume moi grave.
En canto á familia non falo das que non teñen recursos, falo das que os teñen pero que fan que os seus fillos elixan o “mellor” camiño. Cantos avogados, mestres ou médicos haberá que puideron ser grandes actores, deportistas,,, ou mesmo fontaneiros ou ebanistas.

23.9.05

Risas

Por fin, alguén me reclama. Pensei que ninguén se acercaba por estes camiños. Prometo ser mais disciplinado e escribir a diario, aínda que sexan cousas como esta:

Travesuras de rapaces espidos na lama seca.
Risas de fame con dentes preguiceiros.
Sempre hai tempo para as risas.
O sol é unha visita longa e pesada no sofá da nosa casa.
A chuvia unha descoñecida, un conto de vellos.
A terra chora bágoas sen auga, sen sal.
Unha boca baleira berra sen forzas.
Oídos xordos tápanse para non escoitar,
Ollos cegos tápanse para non ver.
O ceo segue sen nubes.
Un neno chora e outro ri,
Sempre hai tempo para as risas.

19.9.05

XIV Festa Veciñal

A pasada fin de semana celebrouse no Parque Quiñones de León, en Castrelos a XIV Festa veciñal organizada pola Federación de Asociacións Veciñais “Eduardo Chao” e as asociacións veciñais de Vigo. Hai que agradecer á Federación e ás asociacións a festa que fixeron, así como os chourizos e a “chocolatada” cos que nos agasallaron. Tamén hai que agradecer aos veciños e veciñas destas asociacións o traballo que fan, quitando tempo do seu lecer e da súa vida familiar, non só para facer festas senón tamén para facer que a vida nos distintos barrios e parroquias de Vigo sexa mellor e mais digna.

16.9.05

Eu fun bailarín de Break-Dance

Náufrago ten unha proposta e esta é a miña resposta:
Eu fun bailarín de Break-dance. Xúroo. Xa fai vintedous anos, eu era un rapaz novo e non sei a razón pero naquela época houbo moita afección por este baile. Saltabamos (literalmente) á pista de baile e comezabamos a dar brincos. A veces quedabamos no barrio ou na pista de patinaxe do Castro, alí puñamos un cartón no chan e practicabamos. Daquela o Hip-Hop era case que descoñecido en Vigo, tanto que nos diciamos que bailabamos Brick (ladrillo)-Dance.
Era feliz e saía a rúa convencido de que as mulleres ollaban para mi con ollos lascivos. Era o mais alto e o mais guapo. O Travolta era un mixiricas e eu era o amo da discoteca. As rapazas derretíanse cada vez que ollaban para min entre as luces de neon.
A cousa non foi mal, a verdade é que si coñecín algunha moza gracias ao baile, claro que non sei cantas deixei de coñecer pola mesma razón. Unha vez incluso cobramos por bailar.
Despois a vida laboral e o deber coa patria apartounos do baile. Xa fai moito tempo e agora penso que, seguramente, eu nunca fun bailarín de Break-Dance.

15.9.05

Hoxe estiven no taller de “Iniciación ás técnicas de narración oral” impartido por Lilia Avello en Alecrín. Penso que algúns xa o coñecedes.
A verdade é que o primeiro día estivo ben, aínda que foi para romper o xeo.
Irei informando de como me vai no taller e espero contarvos algún conto pronto.

14.9.05

¿TI TAMÉN, BRUTO?

Non, non pensedes que vou falar do Imperio Roman ou de teatro clásico. O título ven a conto de que tamén eu estea a escribir nun blog, que como saberedes escríbense miles a diario.
Este sitio ou lugar, ou como queirades chamalo, non ten unhas pretensións moi elevadas. O meu desexo é facer de el un punto de encontro para falar cos amig@s das nosas cousas. Por suposto, calquera que pase por aquí será considerado amig@, sempre que cumpra cun mínimo de respecto para os demais.
O de vaguidades non ten nada que ver coa vagancia, senón coa outra acepción do termo: impreciso, indeterminado, porque así debe de ser este diario, non hai regras fixas, nin temas fixos. Podedes falar do que queirades.
A dirección do blog mesturar.blogspot.com, ten que ver con que é moi difícil poñer un nome a un blog.¡Están todos collidos!. De tódolos xeitos gústame o de mesturar porque de iso se trata, de mesturar as nosas opinións e os nosos pensamentos.