16.9.05

Eu fun bailarín de Break-Dance

Náufrago ten unha proposta e esta é a miña resposta:
Eu fun bailarín de Break-dance. Xúroo. Xa fai vintedous anos, eu era un rapaz novo e non sei a razón pero naquela época houbo moita afección por este baile. Saltabamos (literalmente) á pista de baile e comezabamos a dar brincos. A veces quedabamos no barrio ou na pista de patinaxe do Castro, alí puñamos un cartón no chan e practicabamos. Daquela o Hip-Hop era case que descoñecido en Vigo, tanto que nos diciamos que bailabamos Brick (ladrillo)-Dance.
Era feliz e saía a rúa convencido de que as mulleres ollaban para mi con ollos lascivos. Era o mais alto e o mais guapo. O Travolta era un mixiricas e eu era o amo da discoteca. As rapazas derretíanse cada vez que ollaban para min entre as luces de neon.
A cousa non foi mal, a verdade é que si coñecín algunha moza gracias ao baile, claro que non sei cantas deixei de coñecer pola mesma razón. Unha vez incluso cobramos por bailar.
Despois a vida laboral e o deber coa patria apartounos do baile. Xa fai moito tempo e agora penso que, seguramente, eu nunca fun bailarín de Break-Dance.

Sem comentários: