31.12.06

Feliz 2007


Si hai unha cousa que teño segura é que o 2007 vai ser unha vida nova para min, polo menos na miña vida laboral. Os meus desexos seguiran a ser os mesmos mais este ano teño o convencemento de que algún vai ser realidade. Ao 2006: moitas grazas. Fun feliz.
Que teñades todos un Feliz Aninovo.

19.12.06

Desculpas



Quero pedir desculpas a todos aqueles que pasedes por aquí xa que últimamente estou un pouco vago. Despois das festas espero estar máis centrado e poder ter este sitio ao día. Bo Nadal e Feliz Aninovo.

27.11.06

Apaga a luz



Quero dicir antes de nada que son comerciante (ou tendeiro se soa mellor) e o Nadal é a época do ano que máis traballo teño, pero é que hai cousas que non entendo. Que o 24 de Novembro se prendan as luces do Nadal é unha delas, chamádeme antigo pero é que na miña casa poñiamos o belén e a árbore o día 21 de Decembro, mentres daban o sorteo da lotería pola tele, e chegaba ben para aburrirse deles.
Podería entender que as grandes superficies o puxeran para animar aos clientes que van mercar os domingos, pero pola miña experiencia sei que a meirande parte da xente deixa as compras para o último día.
O que non entenderei é que os concellos se sumen a esta moda e iluminen as nosas cidades sabendo o gasto enerxético que se fai. Para iso facemos os cambios de hora? Para iso nos mandan non ter prendida a luz innecesariamente?
Persoalmente preferiría que adiantasen a chegada do verán ao mes de Marzo. Ata logo e, por favor, o último que peche a luz.

6.11.06

Nada (Resposta a un náufrago)



Pechabas os ollos e, botando a faciana para adiante como pedindo un beixo (pensaba eu, coitado), susurrabas: “Pálpebra, o que tapa os meus ollos chámase pálpebra”. Eu odiaba as túas pálpebras por tapar eses marabillosos ollos. Bendecía as túas pálpebras por darme a oportunidade de ollar teu rostro sen sentirme intimidado pola túa mirada de resplandor de lúa (hai outros mundos pero están nos teus ollos). Xa sei o que son as pálpebras e as túas as coñezo ben porque polas mañás adoito a espertar cedo, antes ca ti, e percorro cada rincón da túa pel, da túa cara. Coñezo o teu nariz, a túa boca, as orellas, esa engurriña que tes a carón dos teus beizos e que, o sabemos os dous, e unha pequena mostra da túa alegría. E coñezo as túas pálpebras porque cada mañá espero a que as recollas e deixes sair a luz que anuncia un novo día.
Pálpebra e unha palabra plosiva bilabial sonora ou plosiva bilabial xorda? Eu que sei. O que sei é que na túa boca pálpebra e unha amendoa doce que viaxa a través dos meus oídos e chega ao meu padal e estremece-lo meu corpo. Pálpebra é o que da sentido ao noso amor, como outras palabras, como outras partes do teu corpo.
Sei que aínda cos ollos pechados sabes o que estou a facer en cada momento (por que sorris?), sabes o que estou a pensar. As pálpebras non son unha barreira opaca para os teus ollos, miras a través delas e a través da miña pel e dos meu ósos. Como, senón, podes ler meus pensamentos? (eu tamén te quero).
Pechas os ollos, botas a faciana para adiante e susurras: “Beixame”. E eu, coitado, beixo os teu beizos, o nariz, as túas pálpebras. E ti sorris porque sabes o que penso: ”Eu tamén te quero”

18.10.06

Milagres





Hai xente que non cre nos milagres ou nos anxos, e hai outros que pensan que milagre é cando aparece un anxo voando e trae unha bandexa de ouro na que ven un boleto da primitiva premiado e soluciona todos os seus problemas.
Eu creo nos milagres, e nos anxos, non son moi frecuentes pero teño visto algún, deses que chamariamos “cotiáns”
Seguro que coñecedes a historia de Genet Corcuera, pois iso para min é un milagre dos grandes porque imaxinade unha rapaza que nace sen recibir estímulos visuais ou auditivos de ningunha clase e pode, non só, aprender a comunicarse senón ir á universidade. Pero o milagre non é que vaia á universidade, o milagre é que Genet pode “ver, escoitar e falar”. Genet non é a primeira nin será a última.
Genet debería estar na universidade, e tamén nos libros, pero para servir de exemplo a todos aqueles que nalgún momento dicimos: non podo, non son capaz, esta vida é moi dura,...
A min a imaxe de Genet regálame vida, a mesma vida que me regalan moitas persoas que coñezo, que fan milagres, ou persoas que non coñezo e tamén fan milagres.
Os milagres existen.

16.10.06

O Celta



Todo o mundo é libre de ter unha opinión e de expresala, e nestes tempos e con isto dos blogs ata podes facer que a lean en calquera parte do mundo, iso si, tamén poden criticarte con facilidade. Outra cousa é que te deixen escribir nun diario, entón tes que ter coidado coas túas opinións e o mínimo que podes facer é escribir cousas que teñan unha certa base.
O Domingo pasado na Voz lin un artigo de Cristina Losada, que non sei si será esta mesma (explicaría moito as cousas).
O artigo leva o título de El Celta e na primeira parte a señora Losada fai lembranza da última vez que acudiu a Balaidos (“hace un porrón de tiempo”). O recordo que deixou esta visita na pequena Cristina non foi moi bo e por iso compréndese que non volvera ao campo do Celta, nin a ningún outro supoño.
A segunda parte non ten desperdicio. A señora Losada di que ao Celta se lle está a embarcar nunha aventura que leva todos os signos de instrumentalización política. Ben. É unha opinión. Mais o certo é que o Celta, nesta aventura, desembarcou aos elementos máis politizados que tiña, a saber: o anterior presidente Horacio Gomez e o anterior Director Xeral Alfredo rodriguez . Ao actual presidente o único que lle teño escoitado do tema é que non quería que o Celta se mesturase coa política.
A señora di que se escoita que o Celta vai “facer país”, e coa pregunta que se fai a continuación dedúcese que non lle gusta iso de facer país..., ou non lle gusta o país directamente (por certo, non di que país). A verdade é que un equipo de fútbol que leva as cores de Galicia e a Cruz de Santiago na súa equipaxe está a facer país (galego) dende o primeiro momento no que salta ao campo.
Di, a señora, que (ao Celta) se lle está “normalizando lingüisticamente”. Iso está ben, hai que falar con propiedade que no mundo do fútbol fálase moi mal. Pero moito témome que a señora está a falar de normalizaciónlingüisticagalega, así que o primeiro que fago é ir a páxina do Celta e ver si é certo. Non, non é certo. Está en castelán. Normalizado, pero castelán. Ou sexa, que á señora moléstalle que falen galego o adestrador Fernando Vázquez e o novo Director Xeral Xavier Mártinez Cobas que son os dous que o falan de forma “oficial” no club, porque teño que dicirlle a Cristina que o que falan Baiano, Iriney, Lucas,Nené é portugués e non galego.
Entón, resumindo:
-O Celta non está politizado. Antes si o estaba pero supoño que era da política coa que simpatiza Cristina Losada.
-O Celta “fai país” pero o país que fai non lle gusta a Cristina Losada.
-A Cristina Losada non lle gusta que dúas persoas do Celta falen galego. Non lle gusta que dúas persoas falen galego.
En conclusión e segundo Cristina Losada:
O Celta perde “aquel inofensivo localismo". Debe ser aquel de "que ben soa a Rianxeira, magoa non sexa en castelán. Olitas vienen y van."
Si o Celta é como o Barcelona xa non será o Celta de Cristina Losada, que recordemos non vai a Balaidos “ desde hace un porrón de tiempo”pero por el que sinte afecto, ou sexa xa non se vai a alegrar si gaña o Celta.
O fútbol é así.

28.9.06

De libros e perfumes


Si hai algo que sabe todo afeccionado á lectura é que os libros poden espertar emocións e facer sentir cousas marabillosas, ou non tan marabillosas. Nun suplemento dominical falaban de perfumes e de creadores de perfumes. Entre elas estaba Annick Goutal que creou o seu perfume Eau d´Hadrien inspirada pola lectura de Memorias de Hadrián de Marguerite Yourcenar. Imaxino a esa muller pechar o libro e os ollos despois de rematar a lectura, recostarse relaxada e satisfeita, inspirar profundamente e sentir as sensacións e as palabras percorre-lo seu corpo, e descubrir na súa memoria olfactiva as notas precisas para darlle forma.

26.9.06

NON


A xente que se dedica á venda sabe que nunca debe facer a un cliente unha pregunta que teña como posible resposta un non. Un vendedor de zapatos que atenda a un cliente indeciso non lle pode preguntar: “Quere os zapatos?” ou “necesita os zapatos?” Porque unha das respostas pode ser “NON”. Un bo vendedor ten que dar por certo que o cliente quere os zapatos: “Que zapatos vai levar, os brancos ou os negros?”.
A casa real e o goberno español van cambiar a constitución e van preguntar: “Queredes rei ou raíña?” e así, seremos nos os que elixamos unha monarquía rancia e masculina ou unha monarquía rancia e feminina. A pregunta debería ser: “Queredes monarquía?”, pero, claro, si fan esa pregunta pode ser que reciban un NON por resposta. Está claro que saben vender moi ben.

22.9.06

Lei de vida

Este verán publicáronme un relato na Voz. Como hai alguén que aínda non o leu o poño aquí para quen lle interese.


Lei de vida


“ Que queres Xosefa? Estou a mirar o partido. Mira que es pesadiña, muller. Que si, que si, que cando remate o partido imos dar un paseo. E que queres que lle faga, eu tamén me aburro pero mirar o fútbol é a única maneira de ver algo de verde por aquí. Recordas a nosa leira? O ben que o pasábamos botando as nosas patacas, os nosos tomates...Que? Que eu estou mellor aquí? Si home, si. ¡Que carallo vou estar mellor! Si estivera alá agora estaría por fora, respirando un pouco, e non aquí pechado. ¡Que imos a estar vellos, Xosefiña! O que pasa é que aquí coa merda que botan os coches deteriorase antes o corpo. Xa sei, xa sei que o falamos e que quedamos de acordo en que había que botarlle unha man aos rapaces e que así estabamos máis cerca dos netiños...pero onde están os netos? e os fillos?
Os teus fillos sempre teñen que facer. Pola semana traballar e traballar e a fin de semana, que si imos cear cuns amigos, que o domingo imos á praia...ou ao monte...ou a merda.. que non muller, que non estou enfadado contigo, pero que queres, non entendo a estas parellas de agora. Lembras cando casamos nos? Na casa viviamos nos, teus pais, a túa aboa e despois foron chegando os nenos. ¡ Ata oito persoas naquela casiña! E que? Viviamos mal? Eran outros tempos, había un respecto e outras cousas.
Agora xa ves. Veña a dicir: Vinde a vivir para a cidade que aquí estaredes mellor e así nos estamos máis tranquilos...¡tranquilos si que están, por que non se moven para vir a facer unha visita! Que esa é outra. O de este pisito foi idea deles: “Non. É mellor que compredes un piso para vos que o noso é pequeno (cinco habitacións ten o carallo do piso) e ademais os nenos
igual non vos deixan durmir” Si, si, pero despois todas as fins de semana deixaban aos nenos con nos. Como eran “pequenos para viaxar”. Entón si que non se preocupaban si durmiamos ou non.
Non, meu amor, non chores. Xa sabes que eu o único que quero é estar contigo, ¡veña prepárate que imos pasear! Que si..que imos visitar aos fillos... ¡Claro que os quero!
¡Como non os vou querer! Si muller si, eles son así. É lei de vida.”





14.9.06

Mámoa



A verba mámoa, mámoa, mámoa, cando ti a pronunciabas, subía e baixaba nos teus beizos, nos teus ollos, nas túas pálpebras asombradas diante da miña incredulidade. Unha mámoa non podía referirse á morte. A mámoa, así pronunciada, mámoa, na túa boca, era vida, era paixón a piques de rebordar no meu peito, no meu corazón asulagado de loucura por ti.

Francisco Castro, Xeografías

O outro día se me deu por volver a ler este libro de Francisco Castro e detívenme no capitulo titulado As palabras saben, do que saen estas fermosas palabras que deixan un doce sabor na boca. O caso que onte na Voz asaltoume unha noticia na que unhas mámoas eran protagonistas dun triste suceso. Mámoas esnaquizadas por mans asasinas, sen escrúpulos. Mámoa, mámoa, o sabor na miña boca era unha mestura da dozura da palabra e a rabia pola noticia.
De repente outra noticia veu calmar a miña indignación. Mámoas restauradas, recupéranse os símbolos da morte para dar sentido á vida. Os veciños de Candean danme unha alegría.
As mámoas ben poden ser unha metáfora da nosa terra: os montes, as augas,a historia...a lingua, están sendo maltratadas por xente de aquí, galegos, que non coñecen o significado que teñen cada unha desas pedras, desas palabras. Mámoa. Si desaparecen as pedras, para que queremos a palabra? Mámoa. Os veciños de Candean están a recuperar palabras. Eu teño a esperanza de que por cada un que rompa unha parte de Galicia veña outro a recuperala.

31.8.06

Unha medalliña, por favor


Os galegos somos uns desagradecidos. Todos. Dende o Presidente da Xunta ata eu. Non pode ser que teñamos esquecido todo o que fixo polo noso País esa Ghrande de España que é a Duquesa de Alba. A ela rompéuselle a alma cando se desfixo das súas terras, o seu “feudo” como di o Conde de Salvaterra, ese que segundo o alcalde aínda non o invitaron porque esperan a ter un lugar “apropiado” para alguén do seu cache. As posesións da Duquesa en Galicia eran a súa “xoia da coroa”, as máis prezadas, pero ela preferiu que o pobo galego fixera uso delas. Eu reto a tódolos historiadores galegos a que dunha vez lle dean a esta muller o recoñecemento que se merece e mostren ao populacho o que fixo por Galicia, que se saiba (pero xa!) as grandes xestas coas que merecidamente gañou eses “terrenitos” e que fixeron que o seu fillo leve o nome de Salvaterra e de Galicia por todo o mundo. Ata que se faga xustiza non poderei descansar sin quitar da cabeza esa doce voz: “Sois unos desagradecidos”

8.8.06

Nunca Máis


Si puidera calmar a calor co meu pranto, choraría ríos e mares. Si as miñas bágoas puideran aliviar a dor da túa pel queimada, choraría ata que o meu corpo seco descansara sobre ti. Si puidera recoller coas miñas mans a cinza das arbores mortas, afogaría con ela a man noxenta que asestou esta puñalada asasina. Si puidera gritar e que me escoitaran en cada lugar desta Terra recollería o berro dos homes e mulleres que loitaron contra o veleno negro que podreceu as nosas costas e levaría por riba das lapas e o fume ese berro desesperado. NUNCA MÁIS.

5.7.06

Os bos e xenerosos

Tal vez sea llegado el momento de que despertemos de nuestro sueño y nos sintamos orgullosos de ser gallegos en la medida en que trabajamos por el bienestar de nuestros conciudadanos, sin olvidar los intereses de todos los individuos del mundo, hablen la lengua que hablen...

Que frase máis bonita, mágoa que o resto do discurso non vaia no mesmo ton. Hai tempo que proliferan estas persoas que se senten ofendidas cando escoitan falar galego, deben ser as mesmas que cando alguén lle fala en inglés fan o esforzo de comprender (para iso pagaron unha academia).

4.7.06

O galego en Europa (e en Galicia)

Parece que chegan boas novas de Europa pero aínda que este pareza un paso de xigante a min cólleme en horas baixas e vou explicar porqué:
Este domingo pasado asistín a unhas oposicións en Silleda e iso xa daría para unha historia pero non é o que quería contar. Todo foi correcto e o presidente do tribunal leu moi clariño as bases da convocatoria dicindo que o exame se faría en galego, e a todo aquel que optara por facelo en castelán se lle entregaría o exame en castelán. O caso é que cando comezaron a entregar os exames a xente que os repartía levaba exames en castelán, e logo viña detrás unha persoa cos exames en galego e preguntaba: “En galego?” Non sei a proporción total pero onde eu estaba seria de cinco en galego, sesenta en castelán.

9.6.06

O himno español

Despois de ler a Veloso eu tamén quero ser sincero con todos vos. Gústame o himno español. Non o himno que pon firmes a reis e militares e, moito menos, o himno que me puña firmes a min nos meus tempos de mili. O himno español que me gusta e o dos campos de fútbol, o da selección, o da furia!!. Escoitar eses compases, ollar para Raul como ergue a cabeza a ver si chove e como, dende as bancadas, milleiros de voces emocionadas entoan ese cántico sincero e espontáneo: LALA, LALA, LALALA, LALA, LALA, LALA, LA, LA, LA, LALALA, LA, LALA...

28.5.06

Outro Premio



O meu último post foi para felicitar a unha amiga por un premio e este é para felicitar a outro amigo por outro premio. Ainda que este non é o primeiro (nin será o último) seguro que lle fixo a mesma ilusión. Parabens para el e para nos que pronto imos difrutar da súa nova (e premiada) novela.

18.5.06

Primeiro premio

Parabéns para a miña amiga Rosa polo seu primeiro éxito literario. Ben, polo seu primeiro éxito recoñecido, porque estou seguro de que ten un caixón cheo de grandes éxitos. Xa sabes, o primeiro é o máis difícil, seguro que veñen moitos máis.

12.5.06

Terapia



Onte reunímonos un grupo de amigos e amigas. É unha cita que temos mensualmente despois de coñecernos nunha terapia á que acudiamos para curarnos do mal da literatura. Odoutor” que nos tratou fíxoo tan ben que agora temos a necesidade de ler e de escribir e de comentar as cousas que lemos, e compartir o que escribimos. O último libro que limos foi Leviatán de Paul Auster e quero deixar aquí unha frase que foi do agrado de todos: “A vida cambiou, a vida continuou”

2.5.06

La mina


“Si encuentras a Lucifer, hermano, siéntate a conversar y pregúntale si esto es distinto a lo de allá. Te dirá que jamás, aquí hay mucha miseria y mucha desigualdad”

Esta é unha estrofa dunha canción de Miguel Ríos: La mina. A pesares de que nunca escoitei a canción, a escribín de memoria. Era unha pintada que adornou durante moito tempo un muro do barrio do Rocio, en Vigo, concretamente na Rúa do medio, nas casas roxas. A pintada a fixera un veciño meu e penso que foi o primeiro grafiti que vin. Pasaba todos os días diante del cando ía á escola e así se me quedou. O rapaz cando a escribiu debía ter uns quince anos, e nunca se me ocorreu preguntarlle porque escollera esas palabras. Viñéronme á memoria, aínda as teño agochadas, para collelas de vez en cando e saborealas e descubrir que nunca perden sentido. E se algunha vez atopo a Lucifer non falarei, porque xa coñezo a resposta.

7.4.06

Galego o último

Miña nai era valenciana. Naceu en Valencia e viviu alí ata os catorce anos que viñeron para Vigo. Sempre contaba historias de cando era nena. Unha delas era que cando estaban a xogar as outras rapazas dicían: “Galego o último”. Miña nai enfadábase coas amigas, porque a súa nai era galega. Eran outros tempos. Tempos difíciles, nos que unha parte de España era inimiga da outra parte. Hoxe en día o de gallego” non é un piropo en moitos lugares. Non pasa nada, podo entendelo. En Balaidos, por exemplo, cando o porteiro contrario vai sacar de portería ouvean e cando chuta din: “hijoputa, maricón, español”. É unha pequena parte do público e ninguén lle da moita importancia.
O que si paréceme moi grave é que unha institución que “limpia, fija y da esplendor” siga aceptando termos ofensivos para “gallego”, e moito máis grave é que estou seguro que non os poría de ser “español” a palabra.
Por certo, buscade francés no diccionario da RAE...non, a definición que pensades non aparece.