8.5.07

Cuestionario Proust

Un cuestionario mándame un amigo
que na miña vida me vin en tal aperto...

Pois si, convídame a facer un cuestionario Proust e, aínda que parece doado, a min isto de escoller se me fai moi difícil. O que hoxe digo pode ser o contrario do que diga mañá. Por outra parte, non sei si coñecedes a frase “en todo home hai tres homes: o que os demais cren que é, o que el cre que é e o que é en realidade." Por cal deles teño que responder?

O único que podo dicir é que tentarei ser o máis sincero posible.


O principal rasgo do meu carácter?
A inquietude

A calidade que prefiro nun home?
A humildade

A calidade que desexo nunha muller?
O humor e, sobre todo, a risa. A risa sincera e fresca, sen estridencias.

O que máis aprecio nos meus amigos?
Que sexan amigos meus

O meu principal defecto?
A impaciencia

A miña ocupación preferida?
Soñar, e ler historias que me fagan sentir algo, e si podo inventar eu algunha.

O meu soño de dicha?
Amor e saúde

Cal sería a miña maior desgraza?
A desgraza de algún dos meus

Que quixera ser?
O que non son. E si o fora querería ser outra cousa

Onde desexaría vivir?
Estou ben onde vivo

A cor que prefiro?
Azul celeste

A flor que prefiro?
Calquera das que planta a miña muller, por que faino con moito agarimo.

O paxaro que prefiro?
O periquiño (en concreto un periquiño que tiñamos na casa que se pousaba no meu ombro)

Os meus autores preferidos en prosa?
Rosa M. Llorente. Rosa é amiga miña e iso pode restarlle valor á resposta pero o digo con rotundidade: é unha boa escritora, tanto ela como a maior parte dos escritores galegos (en lingua galega) da actualidade. A aqueles que falan de que a literatura galega móvese por subvencións lles diría que colleran calquera libro, o leran e despois falaran.

Os meus poetas preferidos?
Celso Emilio Ferreiro, máis que nada por razóns sentimentais. Longa Noite de Pedra foi o primeiro libro que lin de poesía e o primeiro libro que lin en galego.

Os meus heroes de ficción?
As miñas heroínas de ficción?
De pequeno o eran os superheroes. Thor, por exemplo. Agora pode que sexa algún personaxe dun libro que este a ler.

Os meus compositores preferidos?
Si falamos de escoitar música son imprescindibles Sabina e Serrat, e despois todos os que queirades. Si falamos dun compositor e dunha música en concreto quedo con Jimmy Page (Led Zeppelin)

Os meus pintores predilectos?
Van Gogh

Os meus heroes da vida real?
As miñas heroínas históricas?
Os chamados heroes da vida real están feitos por xente á que lle interesa que existan. Todos somos heroes para alguén, só hai que estar no momento e o lugar precisos.

Os meus nomes favoritos?
Antía e Brais, foros os únicos que elixín eu.

Que detesto máis que nada?
A arrogancia, se teña razón ou non.

Que caracteres históricos desprezo máis?
Hai quen di que a historia a escreben os vencedores, pero eu penso que historia só hai unha despois pódese ocultar, disfrazar, desprestixiar, e todo o que queirades.

Que feito militar admiro máis?
A miña “mili”. Teño unha anécdota que .....

Que reforma admiro máis?
Pois non sei, ningunha.

Que dons naturais quixeras ter?
Con conservar os que teño me conformo.

Como me gustaría morrer?
De repente. Por exemplo dun esvarón durante unha maratón onde tiña o premio ao máis vello por correr con 90 anos. O esvarón debeuse a que a noite anterior estivera facendo o amor durante horas coa miña muller e as pernas estaban algo débiles, aínda que ben puido ser da festa cos meus fillos, netos, irmás e amigos (estades convidados)

Estado presente do meu espírito?
Sempre esperanzado

Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Os que se fan, nun momento dado, por axudar a outroas persoas.


O meu lema?
“Eu non son mellor ca ninguén, mais ninguén e mellor ca eu.” ou tamén aquilo que cantan os Estopa “non me conformo con vivir”.

Pásolle a bola a Folerpa

5 comentários:

Anónimo disse...

A calidade que aprecio nos meus amigos?... que sexan coma ti. Grazas, non podo dicir máis..., non me saen as palabras porque sei do gran lector e do fantástico inventor de historias que es. O principal rasgo do teu caracter?... a xenerosidade.

Máis Alá, a túa resposta ao do feito militar pareceme absolutamente XENIAL.
Agora ben (non te libras colega), xa podes ir correxindo a resposta ao que quixeras ser, e xa!, volverei para comprobar.

E veña, vale, tolero o de azul celeste..., fago coma se fose un color.

Un bico, e outro máis.

Anónimo disse...

Parabéns pola sinceridade. E súmome ao entusiasmo por Rosa Llorente.

máis alá disse...

Grazas aos dous.
Rosa non vou a corrixir a resposta. Non digo que non quero ser o que son, xa que estou moi satisfeito con a miña vida. É mais, diría que nunca fun o que non quisen ser. A resposta vai máis non que di Sabina: "Y como además sale gratis soñar y no creo en la reencarnación,
con un poco de imaginación partiré de viaje enseguida
a vivir otras vidas, a probarme otros nombres,
a colarme en el traje y la piel de todos los tipos que nunca seré."

Anónimo disse...

Con ese argumento, Máis Alá, efectivamente non debes correxila, é máis eu tamén me apunto a esa resposta.
Escribir.

P disse...

La vida es esto. Prestémosle atención a los
detalles. Al calorcito humeante del pis, a sacar la basura, a viajar apretados
en colectivo. Si no disfrutamos eso, ¿qué nos queda?