14.9.06

Mámoa



A verba mámoa, mámoa, mámoa, cando ti a pronunciabas, subía e baixaba nos teus beizos, nos teus ollos, nas túas pálpebras asombradas diante da miña incredulidade. Unha mámoa non podía referirse á morte. A mámoa, así pronunciada, mámoa, na túa boca, era vida, era paixón a piques de rebordar no meu peito, no meu corazón asulagado de loucura por ti.

Francisco Castro, Xeografías

O outro día se me deu por volver a ler este libro de Francisco Castro e detívenme no capitulo titulado As palabras saben, do que saen estas fermosas palabras que deixan un doce sabor na boca. O caso que onte na Voz asaltoume unha noticia na que unhas mámoas eran protagonistas dun triste suceso. Mámoas esnaquizadas por mans asasinas, sen escrúpulos. Mámoa, mámoa, o sabor na miña boca era unha mestura da dozura da palabra e a rabia pola noticia.
De repente outra noticia veu calmar a miña indignación. Mámoas restauradas, recupéranse os símbolos da morte para dar sentido á vida. Os veciños de Candean danme unha alegría.
As mámoas ben poden ser unha metáfora da nosa terra: os montes, as augas,a historia...a lingua, están sendo maltratadas por xente de aquí, galegos, que non coñecen o significado que teñen cada unha desas pedras, desas palabras. Mámoa. Si desaparecen as pedras, para que queremos a palabra? Mámoa. Os veciños de Candean están a recuperar palabras. Eu teño a esperanza de que por cada un que rompa unha parte de Galicia veña outro a recuperala.

4 comentários:

Anónimo disse...

Menuda alegría levo xa de mañán ao verme citado neste blog que admiro tanto. E sobre o que dis, levas toda a razón do mundo: o máis grave é que somos os propios galegos os que acabamos coa terra. Os pirómanos, pásmense, eran todos de aquí.

Anónimo disse...

Teñen feito moitas barbaridades asi.

En Ribadeo tamen ten pasado iso

Eu tamén agardo que por cada unha que boten abaixo recuperese outra

Anónimo disse...

Xa se te botaba en falta por aquí, Máis alá, pero pagou a pena... estás inspirado!! moito. E tes toda a razón, para que queremos as palabras se esnaquizamos o que significan. O símbolo. A personalidade. Mais xa sabes que son unha óptimista, eu tamén teño esperanza.

X disse...

Non sei xa que perdemos antes, se as palabras ou os seus referentes.