22.3.07

Agora que es novo

- "Tes que facelo agora que es novo"

Isto é o que lle dicía unha nai ao seu fillo. O que ten que facer é traballar tódalas horas que poida para gañar cantos máis cartiños mellor.

Eu lle digo:

Agora que es novo tes que asomar á fiestra e suspirar por saber que hai tras aqueles monte e aquel mar.
Agora que es novo tes que ler, porque te fai pensar. Ese si que é un deporte de risco.
Agora que es novo tes que facer a revolución e crer en utopías.
Agora que es novo tes que coñecer o sabor de unha derrota, ou de varias.
Agora que es novo é o tempo do amor e da poesía.
Agora que es novo viaxa, coñece outras xentes, outros pobos, outras culturas.
Agora que es novo non te preocupes polo porvir, xa terás tempo dabondo.
Agora que es novo non admitas tiranos, nin tiranías.
Agora que es novo goza do que fas cada momento.
Agora que es novo apaixónate.
Agora que es novo defende as túas ideas.
Agora que es novo rexeita a violencia e a intolerancia.
Agora que es novo non deas un paso atrás.
Agora que es novo esperta, berra, soña, corre, beixa, ama, chora, ri, canta, loita,...
Agora que es novo VIVE.

Sem comentários: