6.11.06
Nada (Resposta a un náufrago)
Pechabas os ollos e, botando a faciana para adiante como pedindo un beixo (pensaba eu, coitado), susurrabas: “Pálpebra, o que tapa os meus ollos chámase pálpebra”. Eu odiaba as túas pálpebras por tapar eses marabillosos ollos. Bendecía as túas pálpebras por darme a oportunidade de ollar teu rostro sen sentirme intimidado pola túa mirada de resplandor de lúa (hai outros mundos pero están nos teus ollos). Xa sei o que son as pálpebras e as túas as coñezo ben porque polas mañás adoito a espertar cedo, antes ca ti, e percorro cada rincón da túa pel, da túa cara. Coñezo o teu nariz, a túa boca, as orellas, esa engurriña que tes a carón dos teus beizos e que, o sabemos os dous, e unha pequena mostra da túa alegría. E coñezo as túas pálpebras porque cada mañá espero a que as recollas e deixes sair a luz que anuncia un novo día.
Pálpebra e unha palabra plosiva bilabial sonora ou plosiva bilabial xorda? Eu que sei. O que sei é que na túa boca pálpebra e unha amendoa doce que viaxa a través dos meus oídos e chega ao meu padal e estremece-lo meu corpo. Pálpebra é o que da sentido ao noso amor, como outras palabras, como outras partes do teu corpo.
Sei que aínda cos ollos pechados sabes o que estou a facer en cada momento (por que sorris?), sabes o que estou a pensar. As pálpebras non son unha barreira opaca para os teus ollos, miras a través delas e a través da miña pel e dos meu ósos. Como, senón, podes ler meus pensamentos? (eu tamén te quero).
Pechas os ollos, botas a faciana para adiante e susurras: “Beixame”. E eu, coitado, beixo os teu beizos, o nariz, as túas pálpebras. E ti sorris porque sabes o que penso: ”Eu tamén te quero”
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
2 comentários:
Bravísimo
Fermoso. Acouga saber que neste mundo no que se mercan os colores do iris en caixas de 6 unidades ou máis, tan entrenado en mentir, aínda queda xente que sabe ler a linguaxe das pálpebras. Parabéns para ti é para as túas pálpebras amadas, porque quen nunca espertou con ninguén non sabe ler.
Enviar um comentário