27.11.06

Apaga a luz



Quero dicir antes de nada que son comerciante (ou tendeiro se soa mellor) e o Nadal é a época do ano que máis traballo teño, pero é que hai cousas que non entendo. Que o 24 de Novembro se prendan as luces do Nadal é unha delas, chamádeme antigo pero é que na miña casa poñiamos o belén e a árbore o día 21 de Decembro, mentres daban o sorteo da lotería pola tele, e chegaba ben para aburrirse deles.
Podería entender que as grandes superficies o puxeran para animar aos clientes que van mercar os domingos, pero pola miña experiencia sei que a meirande parte da xente deixa as compras para o último día.
O que non entenderei é que os concellos se sumen a esta moda e iluminen as nosas cidades sabendo o gasto enerxético que se fai. Para iso facemos os cambios de hora? Para iso nos mandan non ter prendida a luz innecesariamente?
Persoalmente preferiría que adiantasen a chegada do verán ao mes de Marzo. Ata logo e, por favor, o último que peche a luz.

4 comentários:

Anónimo disse...

Para min o tema das luces do Nadal é chover sobre mollado. Non aturo esta tolemia consumista, non aturo ver como nos rouban o mes de novembro hipnotizándonos cun alumeado excesivo e prematuro. Eu voto por que se pase de outubro a febreiro directamente, como o verán xa comeza en marzo nalguns grandes almacens... pois... podemos seguir facendo o parvo sen que a factura da luz nos preocupe. En fin...

Anónimo disse...

E a cousa vai a máis e a peor. Nos anos 90 ía varias veces ao ano a Cardiff, a capital de Gales, e alí xa a primeiros de Decembro, todo estaba iluminado. En Galicia, como ben sinalas, tardábase máis. O comercio ( ou as tendas, se o prefires ) mandan moito. E daquela se elas din que hai que comezar a mercar xa, pois ala, a mercar xa. Desde logo, é unha incoherencia, como moi ben explicas. LUCIDO ( que vén de luz )

paideleo disse...

Pois a min de cada vez gústanme máis as luces nadaleiras.
Graciñas polo teu comentario. A historia inventeina eu soíño. Que sei eu; un día inspirado.

Anónimo disse...

qué razón tes, machiño, ademáis estas datas nas que temos que ser felices porque si non me gostan nada... aínda que recoñezo que as luces de nadal ten o seu aquel...