19.12.05

Hai amores...

Eu non fumo así que a historia que vai a continuación non é a miña. O que pasa é que de cando en vez algunha meiga boa e fermosa achegase a min e deixa as súas historias na pantalla.
Desexo que vos guste.

HAI AMORES ...

Agora que estamos tentados de volver cara á clandestinidade dos nosos primeiros encontros, decátome que un segundo non é un suspiro. É unha eternidade no limbo sen saborear o teu veleno.
Desta afastarémonos definitivamente, meu amor. Este 1 de xaneiro non será como tódolos que xa pasaron.
Desta vai...
E sei que no fondo será o mellor, levo anos escoitándoo de todo o mundo, mesmo cheguei a dicilo eu tamén case con convencemento.
Agora tamén o digo, cando outros xa lle puxeron caducidade a esta tolemia tola da que non me dou decidido a fuxir.
Roubaron nosa data, meu amor. Aquel ritual de cada primeiro de ano no que logo dunhas horas, mesmo dun mes ou seis de abstinencia, desesperaba por ter de novo lume na miña boca e corría ó teu carón para que naquel primeiro bico me inocularas un esvaído, mestura de morte e pracer, co que desculpar tanta escravitude.
Pero desta vai ir...
As historias decadentes e politicamente incorrectas xa non se aturan malia telas promovido dende que a muller é muller, e o home é home. Agora só nos quedaría o feble acougo duns bicos a correr detrás dun cristal. Ti máis eu expostos coma monstros de feira. Non quero que o noso remate así.
Hoxe todo o mundo ten que ser bo. Mesmo eu. E quero esquecerte, e respecta-lo meu corpo, e afastarme de ti, e chegar a aborrecerte tanto como te desexo.
Coido que desta vai...
Pero só de pensalo, meu tóxico amor, fai que che colla entre os dedos e che achegue ata os meus beizos mudados en chisqueiro para prenderte.
A xente comeza a mirarme mal. E teñen razón, esta dependencia noxenta non é doada de aturar, pero que me deixen envelenarme só durante uns días máis. A partires do 1 de xaneiro este corpo será todo deles. E meu.
Porque desta vai ir... por lei.

4 comentários:

torredebabel disse...

xa é sabido, hai amores que matan e o cigarro é un deles. Claro que cada quen ten o dereito de morrer se quixera... Apertas!!!

acedre disse...

Boas festas e feliz 2006.

SurOeste disse...

Enganáchesme ata o final, ¡bravo!

SurOeste disse...

Por certo: fágoche unha proposta no meu blog. Espero que a aceptes