30.1.06

Teimas

Fun nomeado por náufrago para facer este xogo. Teño que pór cinco das miñas teimas. Aí van:

1º- (Coincido con náufrago) Mercar libros. Teño un montón de libros por ler e sigo a mercar.

2º- Morder as uñas. Xa teño corenta anos e sigo, aínda que agora crecen de cando en vez e as veces podo rañar a cabeza.

3º- A sesta é unha manía? Para min é unha gozada; non moito, pechar os ollos quince ou vinte minutos chégame. Mágoa que non podo facelo tódolos días.

4º- Deixar que o deposito do coche se baleire ata que a luceciña roxa queda fixa. Non é por non gastar, que sempre énchoo, pero parece que gústame o risco de quedar tirado.

5º- Meus fillos din que esaxero moito as cousas... Eles si que esaxeran.


Mándolle o xogo a: Brétemas, Concello de Vigo, Nubosidade Variábel, Nemeth e O Ollo da Vaca.

O disco duro

A semana pasada estiven desconectado. O meu ordenador dixo basta e parou. Por fortuna tan só tiven que cambiar a placa base e puiden recuperar os arquivos, aínda que o sistema operativo quedou algo danado e terei que “formatear” e comezar de novo. Deume por pensar como sería si puidésemos limpar a nosa memoria; sacar as cousas pouco importantes que ocupan espacio, liberarnos desas xenreiras que tanto dano fan. Persoalmente penso que si para facer iso teño que desprenderme dalgunha das miñas lembranzas, por moi pequena e insignificante que sexa, non o faría.

24.1.06

A balea

Unha balea morreu no centro de Londres despois dun percorrido polo Tamesis. Parece ser que lle queren facer unha estatua, e a causa da morte ten preocupado a todo o mundo, mesmo vai chegar ao parlamento ingles. Unha balea con sorte. Morren baleas a diario en moitas praias do mundo. Nas rúas de Londres morren persoas (como en tódalas ruas do mundo) e ninguén pregúntase o porqué. Unha balea con sorte.

14.1.06

A CASA

Lembro a casa que me veu nacer.
A casa do río de prata e laranxeiras,
ceo turquesa, risas de fame,
a casa que espantaba a miña pena.

Lembro a casa que me veu crecer.
Coas paredes gastadas por caricias,
sacrificando seu lecer.
Cómplice de tódalas ledicias.

A miña casa que é silencio,
altar das miñas lembranzas,
papel mollado en bagoas de rabia,
de medo e desesperanza.

A miña casa, que é pasado,
vive no meu pensamento,
no meu corazón, orfo dos seus ollos
onde non entra o esquecemento.

9.1.06

Por fin ¡¡

Un dos desexos máis estendidos no Nadal e o que recibimos o sete de Xaneiro, e non o seis. O desexo é o de que rematen as festas e vai crecendo o número de persoas que o único que queren é que rematen canto antes.
Cada vez máis, regálase por obrigación e as ceas son motivo de discusión por escoller a que casa se vai, e cada ano soportase menos á xente coa que temos que cear.