
Quero dicir antes de nada que son comerciante (ou tendeiro se soa mellor) e o Nadal é a época do ano que máis traballo teño, pero é que hai cousas que non entendo. Que o 24 de Novembro se prendan as luces do Nadal é unha delas, chamádeme antigo pero é que na miña casa poñiamos o belén e a árbore o día 21 de Decembro, mentres daban o sorteo da lotería pola tele, e chegaba ben para aburrirse deles.
Podería entender que as grandes superficies o puxeran para animar aos clientes que van mercar os domingos, pero pola miña experiencia sei que a meirande parte da xente deixa as compras para o último día.
O que non entenderei é que os concellos se sumen a esta moda e iluminen as nosas cidades sabendo o gasto enerxético que se fai. Para iso facemos os cambios de hora? Para iso nos mandan non ter prendida a luz innecesariamente?
Persoalmente preferiría que adiantasen a chegada do verán ao mes de Marzo. Ata logo e, por favor, o último que peche a luz.