A verba mámoa, mámoa, mámoa, cando ti a pronunciabas, subía e baixaba nos teus beizos, nos teus ollos, nas túas pálpebras asombradas diante da miña incredulidade. Unha mámoa non podía referirse á morte. A mámoa, así pronunciada, mámoa, na túa boca, era vida, era paixón a piques de rebordar no meu peito, no meu corazón asulagado de loucura por ti.Francisco Castro, Xeografías
O outro día se me deu por volver a ler este libro de
Francisco Castro e detívenme no capitulo titulado As palabras saben, do que saen estas fermosas palabras que deixan un doce sabor na boca. O caso que onte na Voz asaltoume unha
noticia na que unhas mámoas eran protagonistas dun triste suceso. Mámoas esnaquizadas por mans asasinas, sen escrúpulos. Mámoa, mámoa, o sabor na miña boca era unha mestura da dozura da palabra e a rabia pola noticia.
De repente outra
noticia veu calmar a miña indignación. Mámoas restauradas, recupéranse os símbolos da morte para dar sentido á vida. Os veciños de
Candean danme unha alegría.
As mámoas ben poden ser unha metáfora da nosa terra: os montes, as augas,a historia...a lingua, están sendo maltratadas por xente de aquí, galegos, que non coñecen o significado que teñen cada unha desas pedras, desas palabras. Mámoa. Si desaparecen as pedras, para que queremos a palabra? Mámoa. Os veciños de Candean están a recuperar palabras. Eu teño a esperanza de que por cada un que rompa unha parte de Galicia veña outro a recuperala.