8.5.07

Cuestionario Proust

Un cuestionario mándame un amigo
que na miña vida me vin en tal aperto...

Pois si, convídame a facer un cuestionario Proust e, aínda que parece doado, a min isto de escoller se me fai moi difícil. O que hoxe digo pode ser o contrario do que diga mañá. Por outra parte, non sei si coñecedes a frase “en todo home hai tres homes: o que os demais cren que é, o que el cre que é e o que é en realidade." Por cal deles teño que responder?

O único que podo dicir é que tentarei ser o máis sincero posible.


O principal rasgo do meu carácter?
A inquietude

A calidade que prefiro nun home?
A humildade

A calidade que desexo nunha muller?
O humor e, sobre todo, a risa. A risa sincera e fresca, sen estridencias.

O que máis aprecio nos meus amigos?
Que sexan amigos meus

O meu principal defecto?
A impaciencia

A miña ocupación preferida?
Soñar, e ler historias que me fagan sentir algo, e si podo inventar eu algunha.

O meu soño de dicha?
Amor e saúde

Cal sería a miña maior desgraza?
A desgraza de algún dos meus

Que quixera ser?
O que non son. E si o fora querería ser outra cousa

Onde desexaría vivir?
Estou ben onde vivo

A cor que prefiro?
Azul celeste

A flor que prefiro?
Calquera das que planta a miña muller, por que faino con moito agarimo.

O paxaro que prefiro?
O periquiño (en concreto un periquiño que tiñamos na casa que se pousaba no meu ombro)

Os meus autores preferidos en prosa?
Rosa M. Llorente. Rosa é amiga miña e iso pode restarlle valor á resposta pero o digo con rotundidade: é unha boa escritora, tanto ela como a maior parte dos escritores galegos (en lingua galega) da actualidade. A aqueles que falan de que a literatura galega móvese por subvencións lles diría que colleran calquera libro, o leran e despois falaran.

Os meus poetas preferidos?
Celso Emilio Ferreiro, máis que nada por razóns sentimentais. Longa Noite de Pedra foi o primeiro libro que lin de poesía e o primeiro libro que lin en galego.

Os meus heroes de ficción?
As miñas heroínas de ficción?
De pequeno o eran os superheroes. Thor, por exemplo. Agora pode que sexa algún personaxe dun libro que este a ler.

Os meus compositores preferidos?
Si falamos de escoitar música son imprescindibles Sabina e Serrat, e despois todos os que queirades. Si falamos dun compositor e dunha música en concreto quedo con Jimmy Page (Led Zeppelin)

Os meus pintores predilectos?
Van Gogh

Os meus heroes da vida real?
As miñas heroínas históricas?
Os chamados heroes da vida real están feitos por xente á que lle interesa que existan. Todos somos heroes para alguén, só hai que estar no momento e o lugar precisos.

Os meus nomes favoritos?
Antía e Brais, foros os únicos que elixín eu.

Que detesto máis que nada?
A arrogancia, se teña razón ou non.

Que caracteres históricos desprezo máis?
Hai quen di que a historia a escreben os vencedores, pero eu penso que historia só hai unha despois pódese ocultar, disfrazar, desprestixiar, e todo o que queirades.

Que feito militar admiro máis?
A miña “mili”. Teño unha anécdota que .....

Que reforma admiro máis?
Pois non sei, ningunha.

Que dons naturais quixeras ter?
Con conservar os que teño me conformo.

Como me gustaría morrer?
De repente. Por exemplo dun esvarón durante unha maratón onde tiña o premio ao máis vello por correr con 90 anos. O esvarón debeuse a que a noite anterior estivera facendo o amor durante horas coa miña muller e as pernas estaban algo débiles, aínda que ben puido ser da festa cos meus fillos, netos, irmás e amigos (estades convidados)

Estado presente do meu espírito?
Sempre esperanzado

Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Os que se fan, nun momento dado, por axudar a outroas persoas.


O meu lema?
“Eu non son mellor ca ninguén, mais ninguén e mellor ca eu.” ou tamén aquilo que cantan os Estopa “non me conformo con vivir”.

Pásolle a bola a Folerpa

29.3.07

Nenos


Si que é bo. E moi real. Os pais non só temos que loitar contra as vídeo consolas. Tamén contra os alcaldes e alcaldesas que fan que os nenos con balón e bici sexan considerados delincuentes.

22.3.07

Agora que es novo

- "Tes que facelo agora que es novo"

Isto é o que lle dicía unha nai ao seu fillo. O que ten que facer é traballar tódalas horas que poida para gañar cantos máis cartiños mellor.

Eu lle digo:

Agora que es novo tes que asomar á fiestra e suspirar por saber que hai tras aqueles monte e aquel mar.
Agora que es novo tes que ler, porque te fai pensar. Ese si que é un deporte de risco.
Agora que es novo tes que facer a revolución e crer en utopías.
Agora que es novo tes que coñecer o sabor de unha derrota, ou de varias.
Agora que es novo é o tempo do amor e da poesía.
Agora que es novo viaxa, coñece outras xentes, outros pobos, outras culturas.
Agora que es novo non te preocupes polo porvir, xa terás tempo dabondo.
Agora que es novo non admitas tiranos, nin tiranías.
Agora que es novo goza do que fas cada momento.
Agora que es novo apaixónate.
Agora que es novo defende as túas ideas.
Agora que es novo rexeita a violencia e a intolerancia.
Agora que es novo non deas un paso atrás.
Agora que es novo esperta, berra, soña, corre, beixa, ama, chora, ri, canta, loita,...
Agora que es novo VIVE.

Día Mundial da Poesía



Onte foi o Día Mundial da Poesía, unha boa razón para abrir de novo as portas deste blog. Onte lein poesía, como outros días, porque pensei que era unha boa maneira de celebrar ese Día.
De feito este blog existe porque EU SON POETA. Non digo que sexa un bo ou un mal poeta, nin sequera afirmaría con rotundidade que escribo poesía pero EU SON POETA. Non entendo de métrica, de rimas, de metáforas..., pero EU SON POETA.
Porque EU SON POETA decidín acudir a un obradoiro de poesía, para ver si era quen de escribir algunha poesía. Pero aínda que non puidese escribir un só verso non me importaría porque EU SON POETA. E por iso teño este blog: porque podo chegar e berrar EU SON POETA. E punto, e xa está.

6.2.07

Descanso


Este blog vai estar parado por unha temporada. Hai cousas que quero facer e que precisan do pouco tempo libre que teño. De tódolos xeitos, pode que pase por aquí de cando en vez a deixar un saudiño.

O can non morde, podedes entrar cando queirades.

17.1.07

Non hai escusa

Home fulano que tal as vacacións?
— Moi ben, moi ben. Estiven polo sudeste asiático.
— E que tal, ho?
— Unha marabilla. Todo o día a deitarme con rapaciñas de doce e trece anos.
— Que me dis?
— Pois si. Tamén había un neno de dez anos pero con ese nada, xa sabes que eu son moi home.
— Alégrome de que o pasaras ben. E as túas fillas que tal?
— Agora vou a buscalas á escola.
— Veña ata logo.
— Ata mañá
Como sigamos así esta conversación pode ser real algún día. Esperemos que non.

12.1.07

Novos Tempos

O motivo de que teña este sitio un pouco abandonado é que teño un traballo novo. Trátase dunha empresa familiar e discreta cerca de Balaidos. Ademais traballo de noite o que complica o feito de buscar tempo para escribir. De tódolos xeitos tentarei buscalo para que aqueles que pasedes por aquí non vos sintades defraudados.
Penso que co meu novo traballo podería tentar facer algo ao estilo do Gran Cronista do blogomillo, explicando como é a vida (o traballo) nesta empresa. Quen sabe, xa veremos.
O que si gustaríame é pedir referencias do meu novo xefe a alguén que, por proximidade, poida que o coñeza mellor.

31.12.06

Feliz 2007


Si hai unha cousa que teño segura é que o 2007 vai ser unha vida nova para min, polo menos na miña vida laboral. Os meus desexos seguiran a ser os mesmos mais este ano teño o convencemento de que algún vai ser realidade. Ao 2006: moitas grazas. Fun feliz.
Que teñades todos un Feliz Aninovo.

19.12.06

Desculpas



Quero pedir desculpas a todos aqueles que pasedes por aquí xa que últimamente estou un pouco vago. Despois das festas espero estar máis centrado e poder ter este sitio ao día. Bo Nadal e Feliz Aninovo.

27.11.06

Apaga a luz



Quero dicir antes de nada que son comerciante (ou tendeiro se soa mellor) e o Nadal é a época do ano que máis traballo teño, pero é que hai cousas que non entendo. Que o 24 de Novembro se prendan as luces do Nadal é unha delas, chamádeme antigo pero é que na miña casa poñiamos o belén e a árbore o día 21 de Decembro, mentres daban o sorteo da lotería pola tele, e chegaba ben para aburrirse deles.
Podería entender que as grandes superficies o puxeran para animar aos clientes que van mercar os domingos, pero pola miña experiencia sei que a meirande parte da xente deixa as compras para o último día.
O que non entenderei é que os concellos se sumen a esta moda e iluminen as nosas cidades sabendo o gasto enerxético que se fai. Para iso facemos os cambios de hora? Para iso nos mandan non ter prendida a luz innecesariamente?
Persoalmente preferiría que adiantasen a chegada do verán ao mes de Marzo. Ata logo e, por favor, o último que peche a luz.

6.11.06

Nada (Resposta a un náufrago)



Pechabas os ollos e, botando a faciana para adiante como pedindo un beixo (pensaba eu, coitado), susurrabas: “Pálpebra, o que tapa os meus ollos chámase pálpebra”. Eu odiaba as túas pálpebras por tapar eses marabillosos ollos. Bendecía as túas pálpebras por darme a oportunidade de ollar teu rostro sen sentirme intimidado pola túa mirada de resplandor de lúa (hai outros mundos pero están nos teus ollos). Xa sei o que son as pálpebras e as túas as coñezo ben porque polas mañás adoito a espertar cedo, antes ca ti, e percorro cada rincón da túa pel, da túa cara. Coñezo o teu nariz, a túa boca, as orellas, esa engurriña que tes a carón dos teus beizos e que, o sabemos os dous, e unha pequena mostra da túa alegría. E coñezo as túas pálpebras porque cada mañá espero a que as recollas e deixes sair a luz que anuncia un novo día.
Pálpebra e unha palabra plosiva bilabial sonora ou plosiva bilabial xorda? Eu que sei. O que sei é que na túa boca pálpebra e unha amendoa doce que viaxa a través dos meus oídos e chega ao meu padal e estremece-lo meu corpo. Pálpebra é o que da sentido ao noso amor, como outras palabras, como outras partes do teu corpo.
Sei que aínda cos ollos pechados sabes o que estou a facer en cada momento (por que sorris?), sabes o que estou a pensar. As pálpebras non son unha barreira opaca para os teus ollos, miras a través delas e a través da miña pel e dos meu ósos. Como, senón, podes ler meus pensamentos? (eu tamén te quero).
Pechas os ollos, botas a faciana para adiante e susurras: “Beixame”. E eu, coitado, beixo os teu beizos, o nariz, as túas pálpebras. E ti sorris porque sabes o que penso: ”Eu tamén te quero”

18.10.06

Milagres





Hai xente que non cre nos milagres ou nos anxos, e hai outros que pensan que milagre é cando aparece un anxo voando e trae unha bandexa de ouro na que ven un boleto da primitiva premiado e soluciona todos os seus problemas.
Eu creo nos milagres, e nos anxos, non son moi frecuentes pero teño visto algún, deses que chamariamos “cotiáns”
Seguro que coñecedes a historia de Genet Corcuera, pois iso para min é un milagre dos grandes porque imaxinade unha rapaza que nace sen recibir estímulos visuais ou auditivos de ningunha clase e pode, non só, aprender a comunicarse senón ir á universidade. Pero o milagre non é que vaia á universidade, o milagre é que Genet pode “ver, escoitar e falar”. Genet non é a primeira nin será a última.
Genet debería estar na universidade, e tamén nos libros, pero para servir de exemplo a todos aqueles que nalgún momento dicimos: non podo, non son capaz, esta vida é moi dura,...
A min a imaxe de Genet regálame vida, a mesma vida que me regalan moitas persoas que coñezo, que fan milagres, ou persoas que non coñezo e tamén fan milagres.
Os milagres existen.

16.10.06

O Celta



Todo o mundo é libre de ter unha opinión e de expresala, e nestes tempos e con isto dos blogs ata podes facer que a lean en calquera parte do mundo, iso si, tamén poden criticarte con facilidade. Outra cousa é que te deixen escribir nun diario, entón tes que ter coidado coas túas opinións e o mínimo que podes facer é escribir cousas que teñan unha certa base.
O Domingo pasado na Voz lin un artigo de Cristina Losada, que non sei si será esta mesma (explicaría moito as cousas).
O artigo leva o título de El Celta e na primeira parte a señora Losada fai lembranza da última vez que acudiu a Balaidos (“hace un porrón de tiempo”). O recordo que deixou esta visita na pequena Cristina non foi moi bo e por iso compréndese que non volvera ao campo do Celta, nin a ningún outro supoño.
A segunda parte non ten desperdicio. A señora Losada di que ao Celta se lle está a embarcar nunha aventura que leva todos os signos de instrumentalización política. Ben. É unha opinión. Mais o certo é que o Celta, nesta aventura, desembarcou aos elementos máis politizados que tiña, a saber: o anterior presidente Horacio Gomez e o anterior Director Xeral Alfredo rodriguez . Ao actual presidente o único que lle teño escoitado do tema é que non quería que o Celta se mesturase coa política.
A señora di que se escoita que o Celta vai “facer país”, e coa pregunta que se fai a continuación dedúcese que non lle gusta iso de facer país..., ou non lle gusta o país directamente (por certo, non di que país). A verdade é que un equipo de fútbol que leva as cores de Galicia e a Cruz de Santiago na súa equipaxe está a facer país (galego) dende o primeiro momento no que salta ao campo.
Di, a señora, que (ao Celta) se lle está “normalizando lingüisticamente”. Iso está ben, hai que falar con propiedade que no mundo do fútbol fálase moi mal. Pero moito témome que a señora está a falar de normalizaciónlingüisticagalega, así que o primeiro que fago é ir a páxina do Celta e ver si é certo. Non, non é certo. Está en castelán. Normalizado, pero castelán. Ou sexa, que á señora moléstalle que falen galego o adestrador Fernando Vázquez e o novo Director Xeral Xavier Mártinez Cobas que son os dous que o falan de forma “oficial” no club, porque teño que dicirlle a Cristina que o que falan Baiano, Iriney, Lucas,Nené é portugués e non galego.
Entón, resumindo:
-O Celta non está politizado. Antes si o estaba pero supoño que era da política coa que simpatiza Cristina Losada.
-O Celta “fai país” pero o país que fai non lle gusta a Cristina Losada.
-A Cristina Losada non lle gusta que dúas persoas do Celta falen galego. Non lle gusta que dúas persoas falen galego.
En conclusión e segundo Cristina Losada:
O Celta perde “aquel inofensivo localismo". Debe ser aquel de "que ben soa a Rianxeira, magoa non sexa en castelán. Olitas vienen y van."
Si o Celta é como o Barcelona xa non será o Celta de Cristina Losada, que recordemos non vai a Balaidos “ desde hace un porrón de tiempo”pero por el que sinte afecto, ou sexa xa non se vai a alegrar si gaña o Celta.
O fútbol é así.

28.9.06

De libros e perfumes


Si hai algo que sabe todo afeccionado á lectura é que os libros poden espertar emocións e facer sentir cousas marabillosas, ou non tan marabillosas. Nun suplemento dominical falaban de perfumes e de creadores de perfumes. Entre elas estaba Annick Goutal que creou o seu perfume Eau d´Hadrien inspirada pola lectura de Memorias de Hadrián de Marguerite Yourcenar. Imaxino a esa muller pechar o libro e os ollos despois de rematar a lectura, recostarse relaxada e satisfeita, inspirar profundamente e sentir as sensacións e as palabras percorre-lo seu corpo, e descubrir na súa memoria olfactiva as notas precisas para darlle forma.

26.9.06

NON


A xente que se dedica á venda sabe que nunca debe facer a un cliente unha pregunta que teña como posible resposta un non. Un vendedor de zapatos que atenda a un cliente indeciso non lle pode preguntar: “Quere os zapatos?” ou “necesita os zapatos?” Porque unha das respostas pode ser “NON”. Un bo vendedor ten que dar por certo que o cliente quere os zapatos: “Que zapatos vai levar, os brancos ou os negros?”.
A casa real e o goberno español van cambiar a constitución e van preguntar: “Queredes rei ou raíña?” e así, seremos nos os que elixamos unha monarquía rancia e masculina ou unha monarquía rancia e feminina. A pregunta debería ser: “Queredes monarquía?”, pero, claro, si fan esa pregunta pode ser que reciban un NON por resposta. Está claro que saben vender moi ben.

22.9.06

Lei de vida

Este verán publicáronme un relato na Voz. Como hai alguén que aínda non o leu o poño aquí para quen lle interese.


Lei de vida


“ Que queres Xosefa? Estou a mirar o partido. Mira que es pesadiña, muller. Que si, que si, que cando remate o partido imos dar un paseo. E que queres que lle faga, eu tamén me aburro pero mirar o fútbol é a única maneira de ver algo de verde por aquí. Recordas a nosa leira? O ben que o pasábamos botando as nosas patacas, os nosos tomates...Que? Que eu estou mellor aquí? Si home, si. ¡Que carallo vou estar mellor! Si estivera alá agora estaría por fora, respirando un pouco, e non aquí pechado. ¡Que imos a estar vellos, Xosefiña! O que pasa é que aquí coa merda que botan os coches deteriorase antes o corpo. Xa sei, xa sei que o falamos e que quedamos de acordo en que había que botarlle unha man aos rapaces e que así estabamos máis cerca dos netiños...pero onde están os netos? e os fillos?
Os teus fillos sempre teñen que facer. Pola semana traballar e traballar e a fin de semana, que si imos cear cuns amigos, que o domingo imos á praia...ou ao monte...ou a merda.. que non muller, que non estou enfadado contigo, pero que queres, non entendo a estas parellas de agora. Lembras cando casamos nos? Na casa viviamos nos, teus pais, a túa aboa e despois foron chegando os nenos. ¡ Ata oito persoas naquela casiña! E que? Viviamos mal? Eran outros tempos, había un respecto e outras cousas.
Agora xa ves. Veña a dicir: Vinde a vivir para a cidade que aquí estaredes mellor e así nos estamos máis tranquilos...¡tranquilos si que están, por que non se moven para vir a facer unha visita! Que esa é outra. O de este pisito foi idea deles: “Non. É mellor que compredes un piso para vos que o noso é pequeno (cinco habitacións ten o carallo do piso) e ademais os nenos
igual non vos deixan durmir” Si, si, pero despois todas as fins de semana deixaban aos nenos con nos. Como eran “pequenos para viaxar”. Entón si que non se preocupaban si durmiamos ou non.
Non, meu amor, non chores. Xa sabes que eu o único que quero é estar contigo, ¡veña prepárate que imos pasear! Que si..que imos visitar aos fillos... ¡Claro que os quero!
¡Como non os vou querer! Si muller si, eles son así. É lei de vida.”





14.9.06

Mámoa



A verba mámoa, mámoa, mámoa, cando ti a pronunciabas, subía e baixaba nos teus beizos, nos teus ollos, nas túas pálpebras asombradas diante da miña incredulidade. Unha mámoa non podía referirse á morte. A mámoa, así pronunciada, mámoa, na túa boca, era vida, era paixón a piques de rebordar no meu peito, no meu corazón asulagado de loucura por ti.

Francisco Castro, Xeografías

O outro día se me deu por volver a ler este libro de Francisco Castro e detívenme no capitulo titulado As palabras saben, do que saen estas fermosas palabras que deixan un doce sabor na boca. O caso que onte na Voz asaltoume unha noticia na que unhas mámoas eran protagonistas dun triste suceso. Mámoas esnaquizadas por mans asasinas, sen escrúpulos. Mámoa, mámoa, o sabor na miña boca era unha mestura da dozura da palabra e a rabia pola noticia.
De repente outra noticia veu calmar a miña indignación. Mámoas restauradas, recupéranse os símbolos da morte para dar sentido á vida. Os veciños de Candean danme unha alegría.
As mámoas ben poden ser unha metáfora da nosa terra: os montes, as augas,a historia...a lingua, están sendo maltratadas por xente de aquí, galegos, que non coñecen o significado que teñen cada unha desas pedras, desas palabras. Mámoa. Si desaparecen as pedras, para que queremos a palabra? Mámoa. Os veciños de Candean están a recuperar palabras. Eu teño a esperanza de que por cada un que rompa unha parte de Galicia veña outro a recuperala.

31.8.06

Unha medalliña, por favor


Os galegos somos uns desagradecidos. Todos. Dende o Presidente da Xunta ata eu. Non pode ser que teñamos esquecido todo o que fixo polo noso País esa Ghrande de España que é a Duquesa de Alba. A ela rompéuselle a alma cando se desfixo das súas terras, o seu “feudo” como di o Conde de Salvaterra, ese que segundo o alcalde aínda non o invitaron porque esperan a ter un lugar “apropiado” para alguén do seu cache. As posesións da Duquesa en Galicia eran a súa “xoia da coroa”, as máis prezadas, pero ela preferiu que o pobo galego fixera uso delas. Eu reto a tódolos historiadores galegos a que dunha vez lle dean a esta muller o recoñecemento que se merece e mostren ao populacho o que fixo por Galicia, que se saiba (pero xa!) as grandes xestas coas que merecidamente gañou eses “terrenitos” e que fixeron que o seu fillo leve o nome de Salvaterra e de Galicia por todo o mundo. Ata que se faga xustiza non poderei descansar sin quitar da cabeza esa doce voz: “Sois unos desagradecidos”

8.8.06

Nunca Máis


Si puidera calmar a calor co meu pranto, choraría ríos e mares. Si as miñas bágoas puideran aliviar a dor da túa pel queimada, choraría ata que o meu corpo seco descansara sobre ti. Si puidera recoller coas miñas mans a cinza das arbores mortas, afogaría con ela a man noxenta que asestou esta puñalada asasina. Si puidera gritar e que me escoitaran en cada lugar desta Terra recollería o berro dos homes e mulleres que loitaron contra o veleno negro que podreceu as nosas costas e levaría por riba das lapas e o fume ese berro desesperado. NUNCA MÁIS.

5.7.06

Os bos e xenerosos

Tal vez sea llegado el momento de que despertemos de nuestro sueño y nos sintamos orgullosos de ser gallegos en la medida en que trabajamos por el bienestar de nuestros conciudadanos, sin olvidar los intereses de todos los individuos del mundo, hablen la lengua que hablen...

Que frase máis bonita, mágoa que o resto do discurso non vaia no mesmo ton. Hai tempo que proliferan estas persoas que se senten ofendidas cando escoitan falar galego, deben ser as mesmas que cando alguén lle fala en inglés fan o esforzo de comprender (para iso pagaron unha academia).